Mexilloeiros e mariscadores, en vilo: a marea vermella ameaza con estenderse aínda máis
Por Redacción
As previsións "non son moi boas" con respecto á evolución da marea vermella que mantén pechados todos os polígonos mexilloeiros galegos. E para os mariscadores a situación non é moito mellor. Só se pode faenar en tres zonas da Ría de Arousa e nunha da de Vigo. E cos temporais de inverno á volta da esquina, o sector teme que se cumpran os peores pronósticos.
Desde as asociacións de productores de mexillón recoñecen que o sector está "afeito" á presenza da toxina, xa que afecta á costa "todos os anos". Pero insisten en que nesta ocasión chegou "nun momento moi malo", porque o mexillón estaba "no seu mellor momento". Así o explicou a Europa Press, o presidente da Asociación de Mexilloeiros Virxe do Rosario (Vilaxóan), Javier Blanco.
"Imos cara ao inverno e, se nos ven un temporal, váisenos a ir", sentenciou Javier Blanco, quen admitiu que o sector está "moi nervioso" ante como poida evolucionar esta situación. "As previsións non son moi boas", explicou o mexilloeiro, á vez que admitiu que "o medo" de todo o sector é "que isto se alargue no tempo e se dea por pechada a campaña".
En leste mesmo sentido, o presidente do Consello Regulador de Mexillón de Galicia, Francisco Alcalde, está tamén de acordo en que 2013 é "é o peor ano" que recorda no sector, que se atopa "nunha situación de urxencia económica". Ao actual peche, recordou, súmanse ademais outras dous peches previos, a crise e a falta de demanda do produto. En todo caso, recoñeceu que é pronto calcular os efectos económicos que terá.
Pola súa banda, desde a Federación de Cofradías de Pontevedra, o seu presidente, José Antonio Gómez, admite que a situación actual é "extraordinaria", dado que se está producindo un "volume de toxicidade moi alto". De feito, segundo os datos que manexa, non se producía unha situación causada pola toxina similar desde 2005, dado que, en xeral, os periodos de afección "adoitan ser relativamente curtos".
Aínda que o peche das zonas de produción é un "incordio" para o sector e causará perdas aínda "difíciles de cuantificar", José Antonio Gómez recordou que as aperturas faranse "a condición de que os niveis de toxicidade garantan as condicións". Por iso, pediu "axilidade" na realización de análises e na apertura de zonas no momento en que os niveis sexan "óptimos".
PENDENTES DO MAL TEMPO
Mentres o sector comeza a facer unha avaliación das perdas que lles xera esta marea vermella, continúan as análises do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar). E os últimos mostreos non arroxan boas novas. Detectouse nas augas exteriores das Rías Baixas elevados índices das dúas especies de fitoflaxelados tóxicos que manteñen pechados todos os polígonos de bateas de Galicia.
Esta situación, unida aos ventos do sur previstos para os próximos días, abre a posibilidade de que estas augas penetren nas rías, "agravando" a situación actual, segundo destacou a directora do centro, Covadonga Salgado. En función destas análises, cuxos datos coñecer este martes, valorarase a posibilidade de decretar tamén o peche dalgunhas ou de todas as catro zonas de marisqueo que permanecen abertas nas rías de Arousa e de Vigo.
Relacionadas:
-
Esixen á Xunta garantías sanitarias para poñer o mexillón no mercado
Por Oskar Viéitez |
-
Reabren tres zonas de marisqueo da ría de Pontevedra tras remitir parcialmente a marea vermella
Por Redacción |
-
Peche cautelar de todos os polígonos de bateas dende o luns
Por Redacción |
-
O Intecmar recoñece que a marea vermella "aínda pode empeorar"
Por Redacción |