Peche cautelar de todos os polígonos de bateas dende o luns
Por Redacción
O Instituto Tecnolóxico do Mar (Intecmar) decretou que este luns queden pechados todos os polígonos de bateas de Galicia a causa da marea vermella. As zonas de produción de mexillón cultivado en viveiros flotantes que quedaban abertos pecharanse de forma preventiva ante a previsión dun cambio de vento a compoñente sur que estenda a toxicidade por toda a costa. Ante a posibilidade de que a toxina chegue aos polígonos que aínda están abertos, prohíbese a extracción en todos.
Os peches afectan só aos polígonos de bateas, non aos bancos marisqueiros, e son a confirmación das previsións que fixo a directora do Intecmar, Covadonga Salgado, este sábado de que "aínda pode empeorar" o episodio de marea vermella que leva unha semana estendéndose polas costas galegas.
O Intecmar comunicou a medida ao sector a última hora do sábado e faraa efectiva ás 8.00 horas deste luns 14 de outubro. Toda as zonas de produción estarán pechadas cautelarmente de forma indefinida, "en tanto non se dispoña dos datos analíticos das citadas zonas".
O comunicado do Intecmar recolle que o episodio de toxicidade tipo lipofílica que afecta ás rías galegas "aínda está na súa fase ascendente" e que as previsións meteorolóxicas para os próximos días confirman a presenza de ventos de compoñente sur nas costas galegas a partir da tarde deste domingo, "o que podería ocasionar unha extensión do proceso tóxico cara a zonas que permanecen abertas".
Relacionadas:
-
Reabren tres zonas de marisqueo da ría de Pontevedra tras remitir parcialmente a marea vermella
Por Redacción |
-
Mexilloeiros e mariscadores, en vilo: a marea vermella ameaza con estenderse aínda máis
Por Redacción |
-
O Intecmar recoñece que a marea vermella "aínda pode empeorar"
Por Redacción |
-
Unha marea vermella de "extraordinaria" virulencia paraliza bateas e bancos marisqueiros "durante semanas"
Por Redacción |