O Intecmar recoñece que a marea vermella "aínda pode empeorar"
Por Redacción
A marea vermella que mantén pechados 45 dos 54 polígonos de bateas e 13 bancos bancos marisqueiros de Galicia "aínda pode empeorar" e é posible que a próxima semana se pechen máis zonas de extracción de mexillón e outros bancos marisqueos. Recoñeceuno este sábado a directora do Instituto Tecnolóxico do Mar (Intecmar), Covadonga Salgado nunha rolda de prensa convocada ex profeso para analizar eta situación.
Recoñeceu que "aínda estamos nun episodio ascendente" de presenza de toxina nas rías galegas. Están pechados todos os polígonos de mexillón agás tres na ría de Arousa e seis na de Vigo e nas Rías Baixas só hai cinco bancos marisqueiros abertos (4 en Arousa e un en Vigo).
Na súa comparecencia, Covadonga Salgado deixou claro que o Intecmar se adiantou á toxina xa que tan pronto como se foi vendo a evolución dun "episodio histórico pola velocidade e virulencia de propagación", a maiores dos peches efectivos, levou a cabo máis peches cautelares.
"Uns peches cautelares que se adiantaron ata 40 horas aos efectivos nalgúns casos", recalcou. Salgado insistiu en que se trata dun episodio extraordinario pola rapidez coa que se extendeu e porque afectou ao mesmo tempo ao mexillón cultivado en viveiros flotantes e aos bancos marisqueiros.
A directora do Intecmar deixou claro que todas as semanas se fan mostras de auga e análises nas 58 estacións oceanográficas que hai en Galicia, rexeitando as críticas "infundadas e carentes de veracidade" que aludían a que houbo falla de mostraxes durante dez días. "Iso é rotundamente falso" aseverou, ao tempo que informou de que na pasada semana se levaron a cabo 107 mostras de augas e, nesta semana, 123.
Para explicar a rapidez deste episodio expuxo que as mostras tomadas en varios polígonos o venres deron negativo -extremo que confirmaron varios produtores cuxas mostras de laboratorio deron tamén negativo o sábado- e que os resultados das mostras do martes seguinte presentaban valores que superaban os valores máximos permitidos pola Unión Europea.
Relacionadas:
-
Reabren tres zonas de marisqueo da ría de Pontevedra tras remitir parcialmente a marea vermella
Por Redacción |
-
Mexilloeiros e mariscadores, en vilo: a marea vermella ameaza con estenderse aínda máis
Por Redacción |
-
Peche cautelar de todos os polígonos de bateas dende o luns
Por Redacción |
-
Unha marea vermella de "extraordinaria" virulencia paraliza bateas e bancos marisqueiros "durante semanas"
Por Redacción |