Sanxenxo recorrerá ante o xulgado contra a concesión dos peiraos do Náutico
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo presentará a próxima semana un recurso ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo contra a desestimación presunta do requirimento de anulación ou revogación das resolucións ditadas por Portos de Galicia, mediante as que deu o visto e prace á concesión ao Real Club Náutico de Sanxenxo de ocupación de dominio público portuario no Porto Deportivo Juan Carlos I para a construción e explotación dunhas instalacións náutico recreativas.
Segundo informou nun comunicado, a Administración local emprenderá esta acción dentro do prazo formal establecido para que o ente autonómico resolva a reclamación presentada en xullo, que culmina nuns días.
O Executivo municipal ten moi claro que utilizará todos os medios ao seu alcance para frear unha obra que afecta plenamente ao porto e aos areais dos Barcos e Panadeira, cualificados no Plan de Ordenación do Litoral como praias urbanas e consideradas áreas continuas de protección intermareal e costeira.
Por este motivo, o Concello de Sanxenxo xa alegou en 2011 contra os propósitos do Club Náutico, ao tempo que a Xerencia de Urbanismo atendeu a solicitude realizada por Portos de Galicia remitindo un informe desfavorable do arquitecto municipal, baseado en que o proxecto incumpre "o plan de utilización dAá lámina de auga prevista no plan de usos por ocupar un espazo non previsto por este para a súa ampliación".
Así, tal e como recolle o documento, o aumento das prazas de amarre existentes só sería posible cara ao espigón principal, actuación que ten previsto levar a cabo o Concello de Sanxenxo a través de Nauta Sanxenxo. Precisamente, esta foi a razón que levou á Administración local a non se presentar ao trámite de competencia do proxecto promovido polo Náutico "xa que nin nos interesa desenvolver eses pantaláns nin que se constrúan", comentaron dende o Goberno sanxenxino.
O Executivo municipal defenderá ante o Xulgado que a concesión vulnera tanto o Plan de Utilización dos Espazos Portuarios do Porto de Sanxenxo como o seu Plan Especial de Ordenación.
O Concello de Sanxenxo non será a única entidade pública que acudirá á vía xudicial para reclamar a anulación do proxecto do Náutico. Nauta Sanxenxo, a empresa municipal, que xestiona o Porto Deportivo Juan Carlos I tamén promoverá un recurso contra esta actuación que considera lesiva para os seus intereses.
Os argumentos que empregará esta sociedade serán, pois, distintos aos expostos pola Administración local, pero terán o mesmo obxectivo, que non é outro que o proxecto do Real Club Náutico non saia adiante e evitar así os danos que a construción destes peiraos causaría ao porto e ás súas dúas praias.
Relacionadas:
-
Recurso xudicial do Concello de Sanxenxo contra a concesión dos novos peiraos no Náutico
Por Redacción |
-
O Executivo sanxenxino solicita ao xulgado que anule a concesión ao Náutico para os seus pantaláns
Por Redacción |
-
Sanxenxo pide a Portos de Galicia que revoque a licenza das obras do novo pantalán do Náutico
Por Redacción |
-
Sanxenxo prepara un recurso contra todo o proxecto de ampliación do Porto Deportivo
Por Redacción |