Sanxenxo recorrerá ante o Supremo polo novo pantalán do Náutico
Por Oskar Viéitez
O Concello de Sanxenxo tomou a decisión de presentar ante o TSXG, o escrito de preparación previo ao recurso de casación ante o Tribunal Supremo polo novo pantalán do Náutico.
Neste recurso o concello incide en que Portos de Galicia "non xustificou a necesidade ou conveniencia de ampliar os servizos náutico-deportivos no Porto de Sanxenxo, nin tampouco os motivos do por que non se respectou a área de reserva establecido para a ampliación das instalacións náutico-recreativas nos instrumentos de plan portuarios vixentes".
O recurso sinala que no seu momento os técnicos municipais, xa apuntaron que no Porto reservouse unha concreta porción da lámina de auga integrante do dominio público portuario para a realización de futuras ampliacións das instalacións náutico-deportivas. O Concello pregunta que sentido ten que exista un Plan de usos e un Plan Especial portuarios "cando a concesión autorizada e a súa modificación non foron respectadas".
Ademais, apunta o Concello, este espazo de reserva quedou plenamente acoutado e identificado mediante unha liña descontinua de cor verde coa indicación "espazo de reserva para a ampliación de instalacións náutico-deportivas" que se estende desde os actuais pantaláns cara ao leste e o sur da lámina de auga.
O goberno local defende a idea da importancia que hoxe en día ten un desenvolvemento dun crecemento intelixente, sustentable e integrado dos espazos marítimos. Ademais, considérase que este tipo de accións teñen que estar correctamente estudadas e ben planificadas e, "aínda que a planificación desta instalación era correcta, a realidade demostrou que se instalou nun lugar distinto ao establecido polo propio plan".