Recurso xudicial do Concello de Sanxenxo contra a concesión dos novos peiraos no Náutico
Por Redacción
O Concello de Sanxenxo presentará finalmente o próximo luns 23 de decembro, de xeito oficial, o recurso anunciado o pasado mes de outubro contra a concesión de Portos de Galicia para a construción dos novos peiraos do Real Club Náutico.
Os servizos xurídicos municipais acudirán aos Xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela despois de reunir a documentación necesaria para sustentar o seu rexeitamento á actuación, que mobilizou ademais os veciños nunha serie de protestas convocadas pola plataforma SOS Panadeira.
Entre as razóns que alega o goberno municipal encóntrase, aseguran dende o o Concello, a presión paisaxística sobre a costa.
Ademais o recurso prestará especial atención á aprobación do proxecto técnico construtivo e da acta de reformulación, así como á posterior modificación da concesión para a colocación dos peiraos.
A administración local asegura que a construción destas instalacións vulnera o Plan Especial de Ordenación do porto e o seu Plan de Utilización, ao que se suma segundo a súa versión un incumprimento do Plan de Ordenación do Litoral ao estar cualificada a praia urbana dos Barcos como zona de protección intermareal, o que invalida calquera tipo de uso construtivo como serían as estacas sobre o areal para soportar a plataforma de acceso ás embarcacións.
Por outro lado a empresa pública encargada de xestionar o Porto Deportivo Juan Carlos I, Nauta Sanxenxo, prepara tamén a demanda contra esta concesión unha vez que recibiu o expediente solicitado a Portos de Galicia.
Relacionadas:
-
Rexeitamento veciñal e do Concello ante a reanudación das obras do Náutico de Sanxenxo
Por Diego Espiño |
-
Retoman as obras do Náutico de Sanxenxo malia que están recorridas no xulgado
Por Redacción |
-
Sanxenxo recorrerá ante o xulgado contra a concesión dos peiraos do Náutico
Por Redacción |
-
Portos de Galicia paraliza cautelarmente por "falta de seguridade" as obras do Náutico
Por Oskar Viéitez |
-
Indignación en Sanxenxo polos "destrozos" das obras do novo pantalán do porto
Por Redacción |