Repintado das rúas do casco urbano de Caldas e roza en camiños e pistas do rural
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis, a través do Servizo Municipal de Obras, realizou durante as últimas semanas traballos de repintado integral da sinalización viaria horizontal en todas as rúas do casco urbano.
O concelleiro de Obras e Infraestruturas, Manuel González, sinalou que "os traballos teñen por obxecto de mellorar a seguridade viaria no conxunto da vila, especialmente dos peóns que son os máis vulnerables ante o tráfico".
Repintáronse os pasos de peóns en branco, así como a sinalética de marcaxe viaria e dos espazos destinados ao estacionamento, incluíndo as prazas para persoas con discapacidade.
Paralelamente, o Servizo Municipal de Medio Ambiente realizou limpezas, rozas e retirada de vexetación en beiravías en varias zonas do rural. En concreto, desbrozouse en Tivo, Carracedo e San Clemente e está previsto que nos próximos días se interveña en Sequeiros e outros lugares. No casco urbano, actuouse nas rúas José Salgado, Juan Fuentes e en Pedra do Pan.
Así mesmo, o Concello de Caldas de Reis ten programada a limpeza e a roza dos parques infantís e áreas recreativas, tanto do casco urbano como de todo o rural, coa finalidade de mantelos nun bo estado de conservación e mellorar a súa usabilidade.
"Son traballos importantes e moi demandados pola cidadanía", destacou o concelleiro de Obras, engadindo que "non só permiten manter en boas condicións este tipo de infraestruturas e instalacións públicas, senón que serven para mellorar a imaxe da vila e das zonas rurais".
Finalmente, o Concello continúa co programa de rozas nas estradas e pistas das parroquias baixo unha planificación organizada, co fin de chegar á totalidade dos camiños, pistas e estradas do municipio. Deste modo, as rozas pretenden mellorar as comunicacións entre os núcleos e lugares parroquiais, mellorar a visibilidade e a seguridade viaria, ademais de previr incendios.