Reclamación veciñal de melloras inmediatas no muro do Camiño de Cividanes
Por Redacción
As queixas dun grupo de residentes de Costa, Cividanes e Camiño San Jorge sobre o abandono xeral en que se atopa toda esta contorna provocou que o BNG de Marín demande unha intervención neste espazo.
Ademais da falta de mantemento da estrada do Camiño San Jorge e a falta de limpeza da vexetación nesta zona, a veciñanza tamén trasladou a súa preocupación polo estado que presenta o muro de contención do Camiño de Cividanes. Segundo explica a portavoz municipal do BNG, Lucía Santos, este muro presenta un grave risco de derrubamento co perigo que conleva para un conxunto de vivendas situadas nas proximidades.
Segundo indica a agrupación nacionalista, a veciñanza mostra o seu malestar pola falta de respostas que atopa no Concello cando preguntan polo estado deste muro construído hai corenta anos, que é utilizado como punto de acceso a vivendas do Camiño San Jorge, unha zona chea de fochancas e sen canalización de augas pluviais, coas consecuentes inundacións nas vivendas cando chove.
O BNG denuncia tamén que a estrada se mantén sobre dous piares de formigón que se atopan deteriorados polo paso do tempo e esta situación supón un risco para as persoas que circulan por esta zona.
Sinalan que en xaneiro de 2020, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, anunciara que estaba previsto iniciar o proxecto de mellora deste muro de contención do Camiño de Cividanes ao tratarse dunha actuación "vital" polo mal estado de conservación da infraestrutura. A mesma promesa repetiuse, segundo denuncia Lucía Santos, en outubro de 2020 e en xaneiro de 2021.
Con todo, tras pasar máis de ano e medio desde o primeiro anuncio, a actuación continúa sen abordarse. O BNG indica que a empresa que ía realizar a reforma instalou dous postes, apontoados por dúas grandes estruturas de cemento, unha situada no muro da Finca de Briz e outra diante da porta da casa dunha veciña, provocando inconvenientes, segundo os nacionalistas.
Lucía Santos achegouse pola zona e reclama que o concelleiro de Urbanismo deixe de "facer publicidade nos medios" e leve á próxima comisión de Urbanismo a execución inmediata destas obras para garantir a seguridade da veciñanza e evitar unha desgraza.
Relacionadas:
-
Imaxe renovada en Cividanes coa reconstrución do muro e a instalación dunhas escaleiras
Por Redacción |
-
Reconstruir o muro de Cividanes custará uns 185.000 euros
Por Redacción |
-
O BNG critica a falta de melloras no muro do Camiño de Cividanes
Por Redacción |
-
Marín inicia a mellora integral da estrada de Pasás, entre Xermade e Xuncal
Por Redacción |
-
Marín presenta un proxecto para a mellora de once camiños rurais
Por Redacción |
-
COVSA construirá o muro del Camiño de Cividanes
Por Redacción |
-
Unha actuación integral mellorará a seguridade no Camiño de Cividanes e ampliará a rede separativa da Rúa da Costa
Por Redacción |