Unha marea vermella de "extraordinaria" virulencia paraliza bateas e bancos marisqueiros "durante semanas"
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Así o asegurou este xoves a directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), Covadonga Salgado. Habitualmente este fenómeno "totalmente natural" prodúcese dous ou tres veces ao ano, sendo o mexillón o máis castigado. Pero nesta ocasión, a marea vermella presente nas rías galegas é dunha virulencia "extraordinaria" e afectou tamén ao denominado molusco infaunal (berberecho, almeixa ou navalla).
Un episodio que obrigou a pechar á extración gran parte dos polígonos galegos. Na ría de Pontevedra a paralización é total. Está totalmente prohibido extraer tanto mexillón como bivalvos. O peche dos polígonos bateeiros é completo tamén na ría de Arousa e en gran parte da de Vigo, onde só seguen abertos catro zonas en Redondela. En ambas rías, aínda se pode faenar nos bancos marisqueiros situados na súa parte máis interna.
Con respecto a esta situación, que se repite nas Rías Altas galegas, Covadonga Salgado explicou que algunhas das zonas abertas poderían pecharse tamén pola presenza da temida marea vermella. Por agora, o Intecmar mantén "moitas zonas" pechadas de forma efectiva e outras de xeito cautelar, nas que haberá que confirmar a paralización ou levantar o veto nos próximos días.
"En principio non sabemos aínda se o episodio está na súa cima e as noticias que temos de momento é que o episodio está incrementándose", di o Intecmar
"En términos xerais, cando falamos dun episodio de toxinas lipofílicas estamos falando dunha escala temporal de semanas ou meses. En principio non sabemos aínda se o episodio está na súa cima e as noticias que temos de momento é que o episodio está incrementándose. Polo tanto, pódese demorar semanas", indicou a directora do Intecmar.
Covadonga Salgado atribuíu a intensidade deste episodio á combinación de dúas especies fitoplactónicas que son as responsables deste tipo de intoxicación diarreica. En todo caso, insistiu en que a súa presenza é un fenómeno "totalmente natural" e "controlado" por este organismo, cuxos análises garanten a salubridade de calquera produto adquirido polas canles legais de comercialización. E mostrouse convencida de que o mercado "non ten por que estar desabastecido" ao seguir abertas algunhas zonas.
QUEIXAS DE MEXILLOEIROS E MARISCADORAS
Malia esta mensaxe tranquilizador, nas últimas horas proliferaron as queixas nos sectores de mexilloeiros e mariscadoras. Ambos coinciden en sinalar que os avisos de peche de polígonos, decretado ás 15.00 horas deste mércores, chegaron moi tarde, o que lles obrigou a ter que tirar o produto que recolleran pola mañá. Calcúlase que uns 16.000 mariscadores tiveron que deixar de faenar.
Ante estas críticas, Covadonga Salgado afirmou que "máis axilidade penso que non se pode pedir". Explicou que o sector "está bastante afeito a estes feitos", posto que, "por moi áxil" que sexa o sistema de control, "que o é", cando se produce unha peche por detección de toxinas "sempre hai que devolver atrás o produto que estea camiño do mercado", aínda que produza "certa distorsión" na cadea de comercialización.
Con todo, resaltou que os controis realízanse "todos os días", tanto no auga como nos moluscos, polo que as notificacións fanse "tan pronto que se ten constancia da presenza da toxina. "O noso obxectivo sempre ten que ser garantir ao máximo a seguridade do consumidor. ÿ dicir, evitar que cheguen ao mercado produtos con toxina", reivindicou.
Así, insistiu en que "o que loxicamente ten que saber o sector productor é que cando se fai un peche todo o produto que está na cadea de comercialización ten que paralizarse e analizarse para garantir a salubridade ao consumidor" e, neste punto, Salgado aproveitou para pedir que non se adquiran produtos de procedencia "dubidosa" ou directamente a "furtivos", ao non pasar os correspondentes controis.