PonteEmprego só admite currículos vía online na súa segunda edición
Por Redacción
Os días 23 e 24 de outubro, o Pazo da Cultura converterase nun escaparate para o mercado laboral. A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, avanzou como se desenvolverá a segunda edición desta Feira de Emprego, PonteEmprego, que está destinado a aquelas persoas que buscan traballo e a aquelas que desexan mellorar a súa situación laboral.
As actividades de PonteEmprego dividiranse en catro áreas: a de exposición comercial desenvolverase no vestíbulo do auditorio e diferentes empresas e organismos tanto públicos coma privados mostrarán as súas necesidades de persoal laboral. No Salón de Actos celebraranse unha serie de conferencias e mesas redondas co obxectivo de que as persoas desempregadas saiban como buscar un traballo no mercado laboral. Tamén se poñerán en marcha nove talleres nos que se tratarán temas como a creación da propia empresa, a preparación dunha entrevista de traballo ou a creación dunha cooperativa. Ademais haberá un espazo para Bolsa de contratación con aqueles aspirantes a un emprego que citasen previamente as empresas tras observar os currículos enviados a través do Proxecto Iles.
Neste sentido, establécese unha diferenza substancial coa edición de 2012 na que centos de persoas acudiron ata o Pazo da Cultura para entregar o seu currículo coa intención de buscar emprego. Nesta ocasión, o envío deberá facerse vía online e non se recollerán currículos durante os días de Feira.
Ata o 14 de outubro permanecerá aberto o prazo de recepción de ofertas de emprego por parte de empresas e ETT's. A relación completa das vacantes publicaranse o mércores 16 de outubro a través do boletín electrónico PONTEemprego, que se poderá descargar na web de Proxecto Iles. Neste boletín indicaranse os requisitos e condicións establecidas para cada posto, así como o contacto para o envío do currículo e o número de referencia da oferta. Unha vez pechado o prazo de inscrición serán as empresas participantes as que concertarán o seu propio proceso de selección, citando os candidatos seleccionados ao longo dos dous días da Feira.
Para inscribirse nas conferencias e nos talleres de mellora de emprego, o prazo estará aberto ata o 21 de outubro.
Na anterior edición creáronse ao redor de 70 postos de traballo a través de PonteEmprego, segundo afirmou Carlota Román.
Relacionadas:
-
PonteEmprego xunta a oferta e a demanda laboral no Pazo da Cultura
Por Oskar Viéitez |
-
ÿltimos días para presentar currículos para PonteEmprego onde se ofertarán 123 postos de traballo
Por Redacción |
-
PonteEmpreGO! desborda todas as previsións de asistencia na súa primeira edición
Por Redacción |
-
PonteEmprego, unha feria de emprego que porá en contacto a emprendedores con parados
Por Redacción |