As oficinas de información turística Rías Baixas suman outros dez distintivos "Q de calidade"
Por Oskar Viéitez
A rede de oficinas de información turística de Rías Baixas veñen de sumar outros dez diplomas coa "Q de Calidade", que premian o traballo que se desenvolve dende esta rede provincial en Cangas, Poio, Caldas de Reis, A Illa de Arousa, Baiona, Nigrán e A Estrada, xunto coas oficinas propias do Palacete das Mendoza (Pontevedra), aeroporto de Peinador e A Armenteira (Meis).
A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, presidiu este luns o acto de entrega nos xardíns do palacete coa asistencia da alcaldesa de Cangas, Victoria Portas, e dos alcaldes de Poio, Luciano Sobral, e Illa de Arousa, Carlos Iglesias, ademais do tenente de alcalde de Caldas, Manuel González.
A provincia de Pontevedra consolídase así, un ano máis, como a referencia na información turística certificada polo Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) a través da rede da Deputación Provincial, que conta con 30 oficinas repartidas por 27 concellos.
Estes 10 diplomas "Q de Calidade", que son tres máis que os do ano pasado, son os únicos que poden atoparse en Galicia. A eles hai que engadir o undécimo, pertencente á oficina de Sanxenxo, que aínda que tamén está na rede Rías Baixas, foi xestionado directamente polo Concello.
CALDAS ABRE O DÍA 1 DE XULLO
O Concello de Caldas de Reis abrirá o vindeiro xoves día 1 de xullo a súa oficina que estará operativa ata final de ano ao incorporarse dous técnicos de Turismo contratados polo Concello nun dos casos a través dunha subvención da Deputación.
O oficina atópase situada no Centro Comarcal da Tafona cuxos accesos e interior foron acondicionados para a apertura.
O tenente de alcalde de Caldas de Reis, Manuel González, mostrouse satisfeito por este recoñecemento ao tempo que sinalou que "é unha certificación que nos compromete a seguir avanzando e traballando nunha materia tan importante como a calidade turística nun dos sectores fundamentais para a economía do noso Concello".
POIO
Información de interese sobre os atractivos do municipio, elaboración de estatísticas, organización de visitas guiadas ou creación de itinerarios turísticos son algúns dos labores que, como cada ano por estas datas, comezan a desenvolver as persoas contratadas polos concellos para facer fronte á tempada estival.
A concelleira de Poio responsable deste departamento, Silvia Díaz (Avante), lembra que desde o pasado 15 de xuño o Concello conta cunha nova incorporación. Trátase dunha contratación temporal, cun contrato de tres meses de duración (ata mediados de setembro), que se levou a cabo ao abeiro da Liña 3 do Plan Concellos 2021, impulsado pola Deputación de Pontevedra. A esta contratación súmase a realizada, dentro da mesma liña, a finais do pasado mes de marzo, neste caso cunha duración de seis meses, ata finais de setembro.
Relacionadas:
-
Os socialistas requiren "explicacións urxentes" polo "peche con nocturnidade" da oficina de turismo do Mosteiro de Armenteira
Por Redacción |
-
Poio encara a última semana de agosto rozando o 90% de ocupación turística na primeira quincena
Por Redacción |
-
Os residentes en Caldas acaparan as visitas guiadas e os turistas os aloxamentos
Por Redacción |
-
Crecen en máis de 45% as visitas ás oficinas de turismo de Sanxenxo e Portonovo con respecto ao ano anterior
Por Redacción |
-
Panadeira súmase aos once areais de Sanxenxo co distintivo Q de calidade
Por Redacción |
-
Poio pon a punto os miradoiros de Loureiro, Campanario e A Tartaruga
Por Redacción |
-
Chegan os novos quioscos ás praias de Sanxenxo
Por Oskar Viéitez |
-
Sanxenxo recolle os seus 13 distintivos "Q" de Calidade
Por Oskar Viéitez |