Poio pon a punto os miradoiros de Loureiro, Campanario e A Tartaruga
Por Redacción
A concelleira de Obras e Servizos e tenente de alcalde de Poio, a socialista Chelo Besada, pasou revista este luns ao aspecto que presentan actualmente varios miradoiros situados nas parroquias de Combarro e Samieira, nos que ao longo das últimas semanas se levaron a cabo diferentes traballos de reparación e mellora.
Tal e como explica a edil do Goberno municipal, a actuación centrouse nas áreas de Loureiro e Campanario (Combarro), así como no Mirador da Tartaruga (Samieira). Os operarios procederon a arranxar os accesos e as plataformas de madeira, a través das cales é posible gozar das que son algunhas das mellores vistas da ría de Pontevedra, coa Illa de Tambo como gran referente.
Besada sinalou que tamén se procedeu a dotar de mobiliario a estes miradoiros. Así, por exemplo, no caso do da Tartaruga, desde hai uns días conta cunha bancada, para maior comodidade das persoas que o visiten. Asemade, as obras incluíron a dotación dun espazo para a instalación de paneis informativos, que serán colocados ao longo dos vindeiros días. A tenente de alcalde explica que nestes paneis os visitantes poderán contemplar imaxes da zona e consultar textos explicativos.
A concelleira de Obras e Servizos Municipais entende que estes traballos eran moi necesarios, xa que "nalgúns casos as infraestruturas de madeira presentaban un deterioro importante". Deste xeito, Chelo Besada explica que "axudamos a poñer en valor paraxes que son un importante reclamo desde o punto de vista turístico, dada a espectacularidade das vistas que ofrecen os miradoiros". O Concello investiu máis de 16.000 euros na posta a punto destes espazos.