Falece unha muller e un home resulta ferido grave tras chocar un guindastre e unha furgoneta en Vilanova

Por Redacción
Unha persoa faleceu nun brutal accidente que se rexistrou esta tarde na vía rápida VG-4.3, ao seu paso polo municipio de Vilanova de Arousa. Trátase da condutora dunha furgoneta que chocou contra un guindastre. O ocupante deste outro vehículo resultou ferido grave.
A colisión produciuse pouco antes das cinco e media da tarde, segundo confirmou o 112 Galicia, que recibiu a alerta de varios particulares que se cruzaron cos accidentados.
A Garda Civil investiga as causas polas que se produciu o accidente, que provocou que a furgoneta quedara moi deteriorada e os bombeiros, chegados desde os parques de Vilagarcía e Ribadumia, tivesen que excarcerar á condutora, de 62 anos e veciña da Estrada.
A muller faleceu no acto, segundo certificou o persoal sanitario do 061.
Os bombeiros tamén se viron obrigados a liberar ao condutor do guindastre, que foi atendido no lugar antes de ser trasladado a un hospital.
As primeiras hipóteses barallan que a muller puido sufrir un desmaio e, tras invadir o carril contrario, chocou co guindastre.
Ao momento do accidente tamén se trasladaron efectivos da Policía Local e de Protección Civil de Vilanova, así persoal de mantemento de estradas para restablecer as condicións da vía, que tivo que ser cortada en ambos os dous sentidos debido ao accidente.
Relacionadas:
-
Os mortos nas estradas, en niveis "inaceptables" a pesar do confinamento e os peches pola covid-19
Por Redacción |
-
Tres mozos de 18 a 24 anos falecidos nun grave accidente entre un coche e un camión en Caldas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Unha veciña de Marín de 68 anos morre e a súa neta de 6 resulta ferida nun atropelo en Estribela
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Unha persoa falece en Meis nun accidente cun tractor
Por Redacción |