Os mortos nas estradas, en niveis "inaceptables" a pesar do confinamento e os peches pola covid-19

Por Redacción
A sinistralidade viaria está a deixar datos "nada esperanzadores". Así o recoñecen as autoridades. A pesar de que os confinamentos e os peches derivados polas restricións da covid-19 reduciron a mobilidade dos cidadáns, as mortes nas estradas disparáronse.
Durante 2020, aínda que os accidentes reducíronse na provincia un 21% con respecto ao ano anterior, o número de falecidos seguiu a tendencia contraria. Aumentou un 15%. Isto situou o índice de letalidade nas estradas no 1,72%, porcentaxe que non se rexistraba desde 2012.
E no que vai de ano os datos non son moito mellores. Con restricións e peches perimetrais vixentes, as estradas da provincia cobraron a vida de 19 persoas, quince en vías interurbanas e catro en vías urbanas. Deles, trece eran condutores, catro eran pasaxeiros e dous eran peóns.
Entre os factores concorrentes en accidentes con vítimas mortais na provincia, segundo os datos de Tráfico, destacan as distraccións ao volante (25,7%) e o exceso de velocidade (26,2%).
A escasa distancia de seguridade (13%), o incumprimento da prioridade (16,7%), o sono (9%), a alcoholemia (6,8%) e outras infraccións (10,5%) foron as causas dos accidentes mortais que se produciron nas estradas pontevedresas durante o ano pasado.
As autoridades advirten tamén da incidencia que aínda ten a falta de uso do cinto de seguridade entre os falecidos en vehículos onde é obrigatorio o seu uso, xa que un 23% dos falecidos non facían uso deste elemento de protección.
Ademais, tres dos dez mortos rexistrados entre os motoristas non levaban casco.
Ao remate da Comisión Provincial de Seguridade na que se analizaron estes datos, a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, insistiu na necesidade de extremar a atención ao volante e cumprir cos límites de velocidade e as restantes normas de tráfico.
"A sangría de vidas segue en niveis inaceptables", asegurou Larriba.
Relacionadas:
-
Falece unha persoa e dúas resultan feridas tras un accidente de tráfico en Caldas
Por Redacción |
-
Tráfico redobra esta semana a vixilancia sobre camións e autobuses
Por Redacción |
-
Tráfico desenvolve unha campaña especial de vixilancia das distraccións con vehículos camuflados
Por Redacción |
-
Falece unha muller e un home resulta ferido grave tras chocar un guindastre e unha furgoneta en Vilanova
Por Redacción |
-
O consumo de alcol e drogas ao volante repunta co termo das restricións
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Tres mozos de 18 a 24 anos falecidos nun grave accidente entre un coche e un camión en Caldas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada