"Cabo", o can rescatado malferido dun acantilado de Sanxenxo, atopa un novo fogar
Por Redacción
Hai dous meses, persoal do servizo de Emerxencias de Sanxenxo rescatou a "Cabo", un can de once anos de idade que caera a un acantilado de Sanxenxo e que tiña feridas graves. Tras a súa recuperación, atopou unha nova familia.
O seu novo fogar chegou da man de Miguel Fernández, veciño tamén de Sanxenxo.
Xa chamara ao Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra nada máis coñecer a noticia do rescate de "Cabo" para interesarse pola súa adopción e ten esperado ata o seu completo restablecemento para levalo consigo.
"Cabo" fora rescatado nun acantilado na praia das Cabezas, en Punta Faxilda, e presentaba varias feridas, a máis grave delas na cabeza, que lle provocou unha lesión cerebral e a parálise das extremidades, alteración nos reflexos oculares e propioceptivos.
No CAAN foi tratado e recuperou progresivamente a súa mobilidade, sen que lle queden secuelas da lesión cerebral. Tan só presenta unha coxeira, consecuencia dunha artrose no cóbado
O can desfruta xa no seu novo fogar, no que comparte espazo con outro can e unha cadela e, segundo o seu novo dono "está a adaptarse moi ben".
Miguel conta que lle impactou a noticia cando a leu e decidiu entón que quería darlle un final feliz a "Cabo", que con once anos de idade e coa súa artrose ía ter máis dificultades para saír adoptado. "É un can moi tranquilo e moi bo", destaca o seu novo compañeiro.
NOVOS ABANDONOS
Pola contra, a pasada fin de semana, persoal do centro rescatou a catro novos cachorros en Ribadumia.
Os animais, que teñen un mes e medio de idade e apareceron sen nai, foron localizados camiñando por unha vía pública en Barrantes e tras o seu rescate, están a recuperarse no CAAN. Son dúas cadeliñas, "Paca" e "Parla", e dous cans, "Paxón" e "Paxo".
Relacionadas:
-
Rescatan a un gato atrapado nun sumidoiro en Nantes
Por Manu Otero |
-
O Centro de Acollida de Animais da Deputación xa supera as 3.000 adopcións desde o ano 2015
Por Redacción |
-
O Centro de Acollida de Animais da Deputación incorpora novos equipos de radiodiagnóstico
Por Redacción |
-
Avilés inspírase no centro de acollida de animais da Deputación de Pontevedra
Por Redacción |
-
As adopcións de animais no CAAN levan camiño de récord
Por Redacción |
-
A recuperación de Rulo, bulldog francés rescatado dunha historia de maltrato e agora operado de hernia discal
Por Redacción |