O Centro de Acollida de Animais da Deputación xa supera as 3.000 adopcións desde o ano 2015
Por Redacción
O Centro de Acollida e Protección de Animais (CAAN) da Deputación de Pontevedra segue batendo rexistros excepcionais, superando o seu récord anual de adopcións. As últimas saídas foron as de nove cans e cadelas o pasado xoves.
Trátase dunhas cifras que xa superan as 3.000 adopcións acadadas dende 2015, impulsadas polas adopcións dos últimos dous anos, cando as instalacións da Armenteira superaron o seu récord anual de adopcións con 466 e 583 en 2019 e 2020 respectivamente.
Con vistas ao lonxe, as previsións do CAAN apuntan a que este ano tamén será "histórico" posto que ata o 19 de agosto o número de cans e cadelas adoptados foi de 461, incrementando un 47,7% con respecto ao pasado ano por estas mesmas datas.
Concretamente, este pasado xoves alcanzou as 3.007 adopcións desde o 2015, coa saída de "Calista", "Calisto", "Lois" e "Pedro" ao seu novo fogar en Vigo; así como as de "Xurxo" e "Peru" a Pontevedra e as de "Goio", "Mero" e "Bernal", que xa están coas súas novas familias nos concellos do Rosal, Madrid e Cuntis respectivamente.
Trátase de 461 adopcións tan só en 2021, o que supón un récord para o CAAN, que tamén destaca a "significante redución nos tempos de estancia dos animais cumpríndose así un dos obxectivos fundamentais do centro".
Deste xeito, neste 2021 a media de estancia está a ser de 86 días, moi por debaixo dos 123 días do pasado 2020 e dos 124 días do 2019.
En canto ao destino dos animais adoptados ao longo do que vai deste ano, tan só un viaxou ao estranxeiro, concretamente a Portugal. En Galicia tramitáronse un total de 411 adopcións, a maioría (351) na provincia de Pontevedra. O resto repartíronse polas comunidades autónomas de Castela e León (30), Madrid (8), País Vasco (3), Cataluña (3), Castela A Mancha (2), Comunidade Valenciana (1), Canarias (1), Asturias (1) e Estremadura (1).
Ata agora, Vigo é o concello con maior número de adopcións (70), seguido de Pontevedra (45) e A Estrada (33). Tamén destacan os datos de Meis e Poio, con 19 e 18 adopcións respectivamente, así como as 14 acadadas en Cambados ou as 12 en Vilagarcía.
Relacionadas:
-
EduCAANdo, a campaña para concienciar os escolares sobre a responsabilidade de adoptar animais
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Reto completado: o CAAN atopa un fogar para os avós do centro
Por Redacción |
-
O Centro de Acollida de Animais acadou as 302 adopcións
Por Oskar Viéitez |
-
O Centro de Acollida de Animais da Deputación incorpora novos equipos de radiodiagnóstico
Por Redacción |
-
"Cabo", o can rescatado malferido dun acantilado de Sanxenxo, atopa un novo fogar
Por Redacción |
-
As adopcións de animais no CAAN levan camiño de récord
Por Redacción |