Absolven un home que estaba acusado de dar unha malleira ao seu amigo en Marín
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra absolveu, por falta de probas, un acusado de propinarlle unha malleira a un home durante a madrugada do 20 de marzo de 2018 en Marín.
O tribunal tan só considera acreditado que ambos tomaron unhas cervexas e xogaron ao futbolín. As declaracións do acusado e da súa suposta vítima eran totalmente contrapostas.
Cando saíron do último local, foron interceptados por uns axentes da Policía Nacional cando se atopaban parados diante dun caixeiro. O denunciante presentaba un corte sanguento na cella e manifestou aos axentes que se caera por unhas escaleiras, rexeitando asistencia sanitaria.
As maxistradas resolven na sentenza que "á vista do testemuño conciso e imparcial dos axentes e tendo en conta que a brutal agresión que narra o prexudicado se produciu antes de que aparecese a policía, non resulta compatible o estado que, en boa lóxica, tiña que presentar despois de recibir unha malleira como a que describiu coa situación que observan e describen os axentes policiais".
Este asegurou no xuízo que o seu amigo deulle varias puñadas na cara ao saír do bar e, tras caerse ao chan, seguiu recibindo golpes e patadas; mentres que o acusado explicou que, nun momento dado, o seu amigo saíu do bar no que se atopaban e regresou media hora despois asegurando que lle pegaban.
A Fiscalía pedira para o acusado unha pena de 3 anos e 3 meses de prisión e que indemnizara ao seu amigo con 7.000 euros polas lesións que lle causou e as secuelas que quedaron. O fiscal consideraba que o home é autor dun delito de lesións con deformidade e tamén pedira que lle pagara á súa vítima outros 3.100 euros para que puidese afrontar o tratamento dental que necesita tras os feitos.
Relacionadas:
-
Maica Larriba destaca a eficacia da Comisaría de Policía Nacional en Marín
Por Redacción |
-
A sentenza decidirá quen paga o arranxo dos dentes tras unha pelexa en Marín
Por Oskar Viéitez |
-
A xuízo por unha malleira en Marín: un home golpeou a outro e, cando caeu ao chan, seguiulle dando patadas
Por Natalia Puga |