A sentenza decidirá quen paga o arranxo dos dentes tras unha pelexa en Marín
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra xulgou este martes un home acusado dun delito de lesións.
Os protagonistas deste caso son dous mozos Carlos e José Luis que no seu día foron amigos, "o al menos eso creía yo", manifestou o segundo.
Esta mañá deron dúas versións distintas do ocorrido sobre as dúas da madrugada do 20 de marzo de 2018 no exterior dun bar na avenida de Marín. Ambos saíra de copas e a "echar unos futbolines".
Segundo a versión de Carlos, o acusado, o seu compañeiro ausentouse durante unha media hora e ao volver apareceu cunha brecha na cabeza apurándolle para que se marchasen do bar. "Yo no entendía nada. No sabía porqué se encontraba así", explicou o acusado ao tribunal.
Pola contra, José Luis, o agredido, asegura que o seu amigo "me dio una paliza". Cando saían do bar e dispoñíanse a volver ás súas casa no coche de Carlos, este "sin venir a cuento, de buenas a primeras me empezó a golpear". "A la Policía le dije que me había caído por la escalera", engadiu José Luis, algo que xustifica polo aturdimiento que sufría por mor dos golpes recibidos.
Segundo o seu relato, Carlos propinoulle varias puñadas no rostro. Como resultado do impacto, chegou a caer. Xa no chan, seguiu golpeando e propinoulle "patadas a barrer". "Mátame ya", dixo que lle chegou a pedir ao seu amigo.
Como consecuencia da suposta agresión, José Luis perdeu tres dentes e sufriu politraumatismos e varias fracturas na zona das costas das que tardou en curarse 60 días.
Dous axentes da Policía Nacional acudiron aquela madrugada ao bar da avenida de Marín avisados por unha pelexa e nas inmediacións atopáronse cos dous amigos "bastante bebidos" falando "tranquilamente" diante dun caixeiro. Segundo declararon diante do tribunal, José Luis tiña unha brecha encima da cella e rexeitou recibir atención médica, díxolles que se caeu. Negaron ter problemas entre eles.
A Fiscalía pide á sección cuarta da Audiencia Provincial que condene a Carlos a unha pena de 3 anos e 3 meses de prisión e a indemnizar á súa vítima con 7.000 euros polas lesións que lle causou e as secuelas que quedaron. O fiscal considera que o home é autor dun delito de lesións con deformidade e tamén pide que lle pague á súa vítima outros 3.100 euros para que poida afrontar o tratamento dental que necesita tras os feitos.
A avogada da defensa cre que non existe proba de cargo suficiente para condenar ao seu cliente polo que reclama a libre absolución para el. Durante o xuízo tamén tratou de demostrar que a José Luis faltábanlle pezas dentais antes da suposta agresión e que tiña problemas bucodentais que xustificarían a perda dos incisivos.
O caso quedou visto para sentenza.