A última operación antidroga da Garda Civil e a Policía Nacional péchase cun alixo de cinco quilos de heroína

Por Redacción

© Guardia Civil / Policía Nacional

© Guardia Civil / Policía Nacional
A operación conxunta da Garda Civil e a Policía Nacional na que desarticularon unha organización criminal dedicada ao tráfico de cocaína e heroína con base nas Rías Baixas pechouse coa incautación dun alixo de máis de cinco quilos de heroína.
Segundo o balance oficial realizado este venres por ambos os corpos policiais, a maioría da heroína foi localizada no interior dunha furgoneta en Ferrol en outubro do ano pasado. Ese alixo foi a orixe da investigación e tamén deu lugar á primeira detención.
Naquela ocasión, os axentes localizaron unha furgoneta que contiña no seu interior catro quilos de heroína. O condutor procedía do domicilio dun dos agora detidos en Sanxenxo e foi detido e, posteriormente, ingresou en prisión.
Froito da investigación, bautizada Buchaga Gofre, os axentes lograron desarticular un grupo criminal asentado en Galicia, presuntamente dedicado a introdución e posterior distribución de heroína e cocaína na comunicade, e detiveron a 11 persoas tras realizar 13 rexistros en diferentes municipios das provincias da Coruña e Pontevedra. Cinco dos novos detidos ingresaron en prisión.
Nesta segunda fase da operación, que se realizou o martes, os axentes localizaron un quilo de heroína no domicilio dun dos investigados en Vigo. Trátase do avogado Manuel Estévez, que tiña pendente o cumprimento dunha pena de nove anos de prisión pola súa participación, no ano 2017, na introdución de 64 quilos de heroína que, posteriormente, foron incautados nunha nave industrial de Caldas.
O dispositivo desenvolto o martes pola Policía Nacional e a Garda Civil, baixo a coordinación da Fiscalía Antidroga de Pontevedra, incluíu rexistros en vivendas de Ferrol e os municipios pontevedreses da Cañiza, Santa María de Oia, Sanxenxo, Cambados e Vigo.
Como resultado dos rexistros interviñeron - ademais da heroína antes referida- 300 gramos de cocaína, diversa documentación, diñeiro, vehículos e teléfonos móbiles.
A operación continúa aberta e non se descartan máis detencións.
Relacionadas:
-
Destacan o "importante papel" da Garda Civil do Mar na loita contra o narcotráfico
Por Redacción |
-
A multirreincidencia e o "tremendo poder destrutor" da heroína, preocupacións da FGCN ante a nova redada antidroga
Por Redacción |
-
Ingresan en prisión cinco dos once detidos pola rede de tráfico de heroína desmantelada nas Rías Baixas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Once detidos nun macro operativo antidroga con ramificacións en Sanxenxo, Cambados e Arousa
Por Natalia Puga | Creada e actualizada