Destacan o "importante papel" da Garda Civil do Mar na loita contra o narcotráfico nas Rías Baixas

Por Redacción
Un total de 45 axentes vixían os 640 quilómetros de costa da provincia de Pontevedra, desde a ría de Arousa ata a desembocadura do Miño. Son os compoñentes do Servizo Marítimo da Garda Civil de Pontevedra, situado na Escola Naval de Marín.
Eles son unha "parte fundamental" na loita contra o narcotráfico e o crime organizado nas Rías Baixas. Así o destacou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba, na visita que realizou ás súas instalacións, acompañado polo coronel xefe da comandancia, Simón Venzal.
Entre as operacións recentes máis salientables, recordou a subdelegada, está a incautación do submarino requisado na ría de Aldán no ano 2019 ou a aprehensión de dúas lanchas planadoras na ría de Arousa destinadas ao narcotráfico durante o 2020.
Na actualidade, unha destas lanchas é empregada polo propio servizo marítimo para a realización das súas tarefas de control, auxilio e vixilancia.
Durante a súa visita, Larriba coñeceu os medios materiais empregados polo servizo, entre eles unha patrulleira de altura de 30 metros de eslora, unha patrulleira media de 16 metros de eslora, unha patrulleira lixeira de 14 metros de eslora, unha embarcación semirríxida de 8 metros con motor de 300cv, unha foraborda de 60cv e 4,5 metros e catro vehículos.
Ademais, a subdelegada do Goberno tamén subliñou o labor da Garda Civil do Mar no ámbito da inspección pesqueira, no control e vixilancia das actividades de pesca recreativa ou na vixilancia da náutica, controlando as embarcacións de recreo e de pesca deportiva e colaborando nas diferentes operacións de salvamento e auxilio no mar.
Entre as funcións da Garda Civil dentro das augas marítimas españolas destacan a prevención e investigación de delitos, a persecución do contrabando, a conservación da natureza e do medio ambiente, o control e a inspección pesqueira e de embarcacións deportivas, a protección do patrimonio histórico mergullado e o control da inmigración irregular.
Relacionadas:
-
A Garda Civil intervén máis dun milleiro de paquetes de tabaco de contrabando na peaxe de Vilaboa
Por Oskar Viéitez |
-
A última operación antidroga da Garda Civil e a Policía Nacional péchase cun alixo de cinco quilos de heroína
Por Redacción |
-
A multirreincidencia e o "tremendo poder destrutor" da heroína, preocupacións da FGCN ante a nova redada antidroga
Por Redacción |
-
A Fundación Galega contra o Narcotráfico e a Xunta reforzan a súa colaboración na xestión dos bens comisados
Por Redacción |