A multirreincidencia e o "tremendo poder destrutor" da heroína, preocupacións da FGCN ante a nova redada antidroga

Por Redacción
A última operación antidroga coa que a Garda Civil e a Policía Nacional desarticularon unha organización criminal dedicada ao tráfico de cocaína e heroína que operaba desde as Rías Baixas deu á Fundación Galega contra o Narcotráfico ( FGCN) motivos de preocupación. Fundamentalmente son dous: os narcos multirreincidentes e o tráfico de heroína.
O xerente da Fundación, Fernando Alonso, explicou, en declaracións á Televisión de Galicia, que "estamos aburridos xa de escoitar que se deteñen unha e outra vez os mesmos traficantes facendo o mesmo". Fala en especial do suposto líder desta organización, o avogado Manuel Estévez, que foi detido este martes cando estaba xa pendente de ingresar en prisión para cumprir unha condena previa da Audiencia Provincial de Pontevedra.
A sección quinta da Audiencia, con sede en Vigo, condenoulle a 9 nove anos de cárcere por un alixo de 64 quilos de heroína apresado en agosto de 2017 en Caldas de Reis, e agora estaba pendente de entrar en prisión para cumprir esa pena. Fernando Alonso pregúntase por que seguía na rúa e non cumprindo esa condena.
En opinión de Alonso, "hai algo que está fallando, que non estamos facendo ben" e unha desas cousas é "esa multirreincidencia, os mesmos volven unha e outra vez a delinquir", que xera problemas de saúde e seguridade.
Unha segunda cousa que xera unha preocupación moi grande" á Fundación é que esta organización se dedique ao tráfico de heroína, polo "tremendo poder destrutor desa droga, da saúde das persoas, da contorna familiar" e tamén porque as redes que trafican con ela adoitan proceder de Europa do Leste e "mafias que teñen comportamentos estremadamente violentos e son un factor de inseguridade".
Relacionadas:
-
Destacan o "importante papel" da Garda Civil do Mar na loita contra o narcotráfico
Por Redacción |
-
A última operación antidroga da Garda Civil e a Policía Nacional péchase cun alixo de cinco quilos de heroína
Por Redacción |
-
Ingresan en prisión cinco dos once detidos pola rede de tráfico de heroína desmantelada nas Rías Baixas
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
Once detidos nun macro operativo antidroga con ramificacións en Sanxenxo, Cambados e Arousa
Por Natalia Puga | Creada e actualizada