O colexio Marcos da Portela presume da súa historia e da mestra Josefa Iglesias Vilarelle e o Pai Sarmiento

Por Redacción
O proxecto 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna' que promove o Concello de Pontevedra chegou xa a dez centros educativos do municipio. O décimo foi o CEP Marcos da Portela, no que desde esta semana loce un mural elaborado por Polo Correo do Vento co que presume da súa historia e os persoeiros máis destacados con relación con este barrio.
O poeta do século XVIII natural de Monte Porreiro Marcos da Portela non só lle dá nome ao centro educativo, senón que é tamén un dos protagonistas do mural de Kike Mauricio e Carlos Taboada.
Non falta tampouco o Pai Sarmiento, que cita nas súas coplas ao devandito poeta e aparece debuxado ao carón do Carballo de Santa Margarita de Mourente e en presenza dunha vacaloura, e a mestra Josefa Iglesias Vilarelle, natural de Mourente e autora do primeiro método de lectura en galego publicado polo Seminario de Estudos Galegos en 1932.
O proxecto 'O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna' da Concellería de Educación ten como finalidade que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles. Para logralo, no Marcos da Portela tamén se recolle o Mirador de Monte Porreiro e o tramo final do río Lérez.
Este proxecto xa chegou aos centros educativos Cabanas, Ponte Sampaio, Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, o CEP Campolongo, a EEI de Verducido e, agora, o CEP Marcos da Portela. Ademais, están previstas intervencións artísticas nos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve e Manuel Vidal Portela e a EEI Fina Casalderrey.
O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, destacou a "boa acollida" do proxecto e avanzou a súa intención de impulsar unha campaña divulgativa para que esa historia que os alumnos coñeceron sobre os seus colexios tamén a poidan coñecer os rapaces doutros centros, intercambiando así esa memoria das personaxes que lles dan nome e os elementos máis senlleiros do contorno natural que os rodea.
Relacionadas:
-
Os colexios Cabanas e Marcos da Portela reciben a visita de 'O teu cole na historia'
Por Redacción |
-
O novo mural do colexio San Benito de Lérez homenaxea a Barriga Verde
Por |
-
A pintora Mercedes Ruibal e os canteiros protagonizan o mural do colexio de Santo André de Xeve
Por Redacción |
-
O CEIP Manuel Vidal Portela homenaxea atletismo e piragüismo cun mural
Por Redacción |
-
Ernestina Otero e Cruz Gallástegui protagonizan o novo mural do CEIP Cabanas
Por Redacción |
-
O colexio de Ponte Sampaio homenaxea a súa historia a través das traballadoras da Pontesa e a batalla contra os franceses
Por Redacción |
-
Un mural para homenaxear a leiteiras e canteiros na escola de Verducido
Por Redacción |
-
O Froébel estrea mural dedicado ao pedagogo alemán que deu nome ao colexio
Por Redacción |
-
A vella estación de tren, o antigo cárcere, Aurora Vidal... os símbolos de Campolongo feitos mural
Por Redacción |