A Deputación destina aos concellos 2 millóns de euros para servizos sociais comunitarios
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra destina preto de 2 millóns de euros para o financiamento de servizos sociais básicos nos concellos de menos de 20.000 habitantes. A sinatura dos convenios de colaboración entre os 53 concellos que cumpren con esta condición na provincia e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, tivo lugar este xoves no Salón de Plenos do Pazo Provincial.
Tras a sinatura dos acordos, os concellos recibirán de forma inmediata un adianto do 35% da cantidade que lle corresponde a cada un e unha vez remitida a documentación xustificativa correspondente recibirán a cantidade restante.
Louzán subliñou que se trata de facilitarlle aos concellos o financiamento necesario para que poidan manter unha atención social adecuada, contando cos recursos humanos especializados necesarios. A achega da Deputación inclúe o Servizo de Atención no Fogar, co que se facilita que persoas maiores, con certo grao de dependencia ou con necesidades especiais de apoio poidan seguir residindo no seu fogar; poténciase a súa autonomía persoal e prevéñense situacións de dependencia ou exclusión social, mellorando a súa calidade de vida.
Así mesmo, finánciase o persoal técnico dos equipos municipais de servizos sociais comunitarios con perfil complementario ao do traballador social, para que os concellos poidan dispoñer dun servizo ben dimensionado e adecuado ás necesidades concretas da súa poboación, e o persoal de servizos sociais comunitarios especializados nalgúns concellos que teñen en marcha programas específicos ou centros municipais especializados.
"Falamos da función máis sensible de cantas desenvolven os concellos", dixo Louzán
O presidente da Administración Provincial recalcou a relevancia destes convenios dado que "falamos da función máis sensible de cantas desenvolven os concellos: falamos do máis importante, da atención aos que máis o precisan".
Louzán valorou os servizos sociais municipais como "a primeira porta á que poden chamar os que máis o precisan" e "teñen tamén unha función proactiva na detección de posibles problemas entre a poboación á que dan cobertura".