As 342 familias inscritas no programa Apego xa poden solicitar actividades
Por Redacción
As familias de Pontevedra inscritas para participar no programa Apego xa poden solicitar as actividades programadas para este ano. Como en edicións anteriores, todas as actividades son de balde, pero con prazas limitadas, polo que é preciso realizar a pertinente inscrición antes do vindeiro 7 de abril a través da páxina web apuntate.pontevedra.gal.
O programa Apego, impulsado pola Concellaría de Normalización Lingüística, ten este ano un total de 342 familias inscritas. Todas veñen de recibir unha comunicación sobre a apertura do prazo para participar nas actividades.
Ademais, as familias que aínda non forman parte do programa e desexen inscribirse poden solicitar unha cita no sitio web www.apego.gal.
Este programa oferta actividades educativas e de lecer ás familias que xa teñen fillos e fillas ata 6 anos ou que están agardando un novo membro, para fomentar e mellorar a transmisión do galego como lingua inicial.
Actividades programadas:
'Orella pendella', con Bea Campos de Migallas Teatro. Contacontos para nenos de 0 a 3 anos con prazas para 15 familias. Esta actividade propón aprender e xogar cos ditos infantís de sempre e con cancións tradicionais acompañadas de música en directo, tomando como base orellapendella.gal. Haberá dúas sesións o sábado 17 de abril nos xardíns do Doutor Marescot, de 11.30 a 12.05 e de 12.30 a 13.05 horas. Recoméndase levar unha mantiña ou esteira para sentar no chan.
'Xogando ando', con Xandobela. Obradoiro de xogos de 4 a 6 anos con prazas para 15 familias. Propón unha tarde de xogos grupais e cooperativos que irán desde o tradicional ao experimental, pasando pola música e o baile. Ofrece recursos da tradición oral galega para aprender a xogar á corda, botar as sortes ou facer equipos. A sesión será o xoves 27 de maio de 17.30 h a 19.00 horas na illa do Covo. Recoméndase levar calzado e roupa axeitada para xogar.
'Verbateca', con Mekané. Obradoiro de palabras de 3 a 6 anos con prazas ata 15 familias. É unha actividade deseñada para achegarse ao vocabulario cotián, de xeito que superando distintos xogos se comezará unha colección de palabras para continuar na casa. Está programada para o venres 4 de xuño de 18.00 a 19.00 horas nos xardíns do Doutor Marescot
'Comerá o bebé?', con Cris de Caldas. Contacontos de 0 a 2 anos para 20 familias. Sesión de contacontos baseada na recompilación de cantigas, recitados e xogos da tradición oral galega para a primeira infancia. A sesión será o sábado 12 de xuño de 11.00 a 11.35 horas nos xardíns do Doutor Marescot. Recoméndase calzado e roupa axeitada para xogar.
'Contos en familia', con Cris de Caldas. Obradoiro-contacontos para nenos de de 0 a 6 anos con prazas para 20 familias. A actividade integra narración oral coa presentación de libros esenciais para tratar temas clave na crianza. Será o sábado 12 de xuño de 12.30 a 14.00 horas nos xardíns do Doutor Marescot. Recoméndase levar unha mantiña ou esteira para sentar no chan.
'Prende no colo', con Luís Prego. Obradoiro de 0 a 3 anos con prazas ata 20 familias. Actividade deseñada para aprender cantigas, cantos de berce, xogos de dedos, recitados e outras pezas cheas de ritmo e melodía a partir de temas tradicionais galegos. Haberá dúas sesións o venres 2 de xullo nos xardíns do Doutor Marescot, de 17.00 a 17.45 e de 18.15 a 19.00 horas. Recoméndase levar unha mantiña ou esteira para sentar no chan.
Relacionadas:
-
O programa Apego de transmisión interxeracional da lingua detecta que "a escola é un axente desgaleguizador"
Por Anxo Lourido |
-
O programa Apego retoma actividades adiadas pola pandemia e aposta por actos ao aire libre
Por Redacción |
-
Apegados á lingua galega tamén na primavera
Por Redacción |
-
300 familias pontevedresas sumáronse xa ao programa Apego
Por Diego Espiño |