O programa Apego retoma actividades adiadas pola pandemia e aposta por actos ao aire libre
Por Redacción
O programa Apego retomará a partir desta fin de semana as actividades que se tiveron que adiar en marzo pola activación do estado de alarma e a crise sanitaria do coronavirus. Comezan o domingo e inclúen andainas, xogos en familia e obradoiros musicais.
Aproveitando o bo tempo, reprogramáronse todas as actividades pendentes en espazos exteriores e realizáronse os axustes necesarios para poder desenvolvelas tendo en conta a situación sanitaria, reducindo as prazas e preparando os espazos para poder manter a distancia social entre familias.
As actividades están dirixidas ás familias con nenas e nenos de 0 a 6 anos, co fin de dotalas de ferramentas para enriquecer e mellorar o galego que se fala na casa, crear espazos de socialización en lingua galega e dar a coñecer ferramentas e recursos que axudan á crianza en galego. Todas son actividades de balde e con prazas limitadas, polo que é necesario inscribirse nos formularios dispoñibles en apuntate.pontevedra.gal.
A primeira actividade será este domingo 21 unha andaina polo ríos dos Gafos, 'Á procura das herbas de san Xoán'. Estará guiada por Amancio Castro, membro da asociación Vaipolorrío e profesor de ciencias naturais e educación ambiental. Esta excursión pola contorna do río Gafos ten como obxectivo coñecer e identificar as especies naturais e atopar as herbas de san Xoán. Sairase ás 10 desde o albergue de peregrinos ata o muíño de Cabanas, nun percorrido circular de ida e volta.
O venres 26 de xuño entre as 17.00 e as 19.30 será o momento de 'Vai de xogos' na Alameda, unha tarde de xogos en familia con 'Risotadas' coa que Apego propón recuperar a rúa como espazo de socialización e valorar os xogos como ferramenta de aprendizaxe e comunicación.
O mércores 1 de xullo nos xardíns do Doutor Marescot haberá dúas sesións de 'Arrolos de Salitre', con Faia Díaz e Guillerme Fernández. A primeira sesión será de 17.30 a 18.30 horas e a segunda de 19 a 20 horas. A este obradoiro poderán asistir ata 20 familias e nel aprenderanse as melodías tradicionais coas que arrolar aos bebés, transmitíndolles apego, lingua e música.
'Fíos do Querer', con Cé Orquestra Pantasma, terá lugar o xoves 9 de xullo, de 18.30 a 19.15 horas nos xardíns do Doutor Marescot. Co obxectivo de aprender cantigas, este obradoiro musical está pensado para cantar, bailar e xogar en familia.
As actividades rematarán o mércores 15 de xullo, coa camiñada pola Illa do Covo 'Aprendendo a falar cos paxariños', guiada por Manuel Domínguez, de Ventos Estudos Ambientais. Nesta saída pola Illa do Covo, de 18.30 a 20.30 horas, as familias participantes observarán as aves, a flora e os elementos artísticos. O punto de encontro estará na Illa do Covo, na ponte peonil de tirantes sobre o río Lérez.
Relacionadas:
-
As 342 familias inscritas no programa Apego xa poden solicitar actividades
Por Redacción |
-
Montero Ríos énchese de música, pintura e danza coa celebración do Día Mundial da Música
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Apegados á lingua galega tamén na primavera
Por Redacción |
-
300 familias pontevedresas sumáronse xa ao programa Apego
Por Diego Espiño |