Ambulancias Civera encargarase do transporte sanitario na área de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés disporá dende o vindeiro xoves 1 de abril dun novo servizo de transporte sanitario a cargo de Ambulancias Civera Servicios Sanitarios Integrales que, durante os vindeiros dous anos e prorrogable a tres máis, prestará cobertura loxística aos 26 concellos, 44 centros de saúde e tres hospitais públicos desta área de saúde.
O hospital Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra acolleu este martes un acto de presentación desta nova empresa adxudicataria que porá a disposición do Servizo Galego de Saúde nesta área sanitaria unha flota de 38 vehículos de soporte vital básico e soporte vital avanzado, con actividade as 24 horas do día os 365 días do ano.
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, Jose Ramón Gómez, subliñou que esta adxudicación do novo transporte sanitario conta cos permisos oficiais e de homologación de vehículos para a posta en marcha do servizo, coa supervisión e autorización técnica da Consellería de Sanidade que, en base á lexislación vixente, asinou á empresa unha certificación transitoria de tres meses para que a súa flota de vehículos sanitarios se adapte exteriormente á sinaléctica que se utiliza na comunidade autónoma de Galicia para o desenvolvemento desta tarefa.
Pola súa banda, o director da compañía, Agustín Civera, sinalou que o persoal coordinador do Contact Center co que conta Ambulancias Civera Servicios Sanitarios Integrales realizará a valoración da necesidade do medio de transporte en cada punto da área sanitaria, "sempre en base aos protocolos de actuación vixentes no Servizo Galego de Saúde, asumindo o grao de emerxencia de cada asistencia e os recursos dispoñibles en todo momento, para dar unha atención de transporte sanitario integral en Pontevedra e O Salnés priorizando a seguridade dos pacientes, o criterio clínico e técnico dos profesionais sanitarios e a urxencia do propio transporte".
Con máis de corenta anos de actividade no sector sanitario en España, Ambulancias Civera Servicios Sanitarios Integrales tamén presta servizos de transporte sanitario en Vizcaya, La Rioja, Navarra, Castellón, Alicante, Lleida, Tarragona, Valencia, Castilla-La Mancha e Andalucía.
Relacionadas:
-
Persoal de Ambulancias Civera péchase no Hospital Montecelo para denunciar impagos do salario
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
Traballadores das ambulancias da área sanitaria Pontevedra-Salnés denuncian graves carencias no servizo
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Desconvocada a folga de ambulancias do transporte programado da área sanitaria
Por Oskar Viéitez |