Rueda advirte que a Xunta loitará "ata o último momento" por manter os empregos de ENCE
Por Alejandro Espiño
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, asegurou que o goberno galego loitará "ata o último momento" por manter os postos de traballo que Ence xera en Galicia.
Durante un acto celebrado en Vilanova de Arousa, Rueda sinalou que para a Xunta é "fundamental" garantir os empregos que dependen da empresa pasteira, que cifrou nuns 5.000 entre directos, indirectos ou inducidos.
Tras destacar que a Xunta "fará todo o posible" para evitar que se materialice a "decisión tomada" do Goberno para expulsar a Ence da ría de Pontevedra, o vicepresidente galego lamentou que se ataque a unha empresa "que quere seguir creando riqueza".
"Seguimos sen que ninguén sexa capaz de explicar a alternativa ao peche dunha empresa que dá traballo en Galicia", denunciou Alfonso Rueda.
Rueda apuntou que a asesoría xurídica da Xunta cualificou como "anticonstitucional" o artigo 18 da futura lei de cambio climático e que limitaría a 75 anos o prazo máximo de permanencia dunha empresa en terreos de dominio público marítimo-terrestre.
Este ditame, segundo o vicepresidente, "infrinxe os dereitos adquiridos de moitas empresas" ao ter efectos retroactivos e deixaría "moi comprometida" a viabilidade de toda a cadea mar-industria asentada nas costas galegas.
Este informe foi remitido xa ao Goberno central, a través dunha carta das conselleiras de Medio Ambiente e Mar, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana, remitida á ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.
A Xunta entende que a nova lei terá "repercusións negativas" para o litoral galego, onde defenden que se realizan actividades "respectuosas" co medio ambiente.
Ademais, consideran que o artigo 18 sería contrario á Constitución, xa que os afectados serían "privados" dunha concesión adquirida "sen a correspondente indemnización".
De aprobarse o borrador presentado desta lei de cambio climático, o goberno galego calcula que supoñería a perda duns 37.000 postos de traballo en Galicia e un impacto económico duns 10.000 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Comisións Obreiras confía na ministra Ribera e rebaixará a intensidade das mobilizacións no conflito de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O Goberno comprométese a convocar ás partes implicadas para abordar o futuro dos postos de traballo de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
O escrache ao alcalde por ENCE acaba nos xulgados
Por Alejandro Espiño |
-
A ministra afirma que a situación de Ence "no tiene nada que ver con la Ley de Cambio Climático"
Por Oskar Viéitez |
-
A Xunta non condena o escrache ao alcalde e reitera que ENCE ten unha "concesión legal"
Por Alejandro Espiño |
-
Emprego en Galicia ou en Asturias: a decisión que, segundo a Xunta, debe tomar o Goberno sobre ENCE
Por Alejandro Espiño |