Oferta de emprego do Concello para persoal operario empadroado en Ponte Caldelas
Por Redacción
Once persoas serán contratadas polo Concello de Ponte Caldelas en próximas datas, segundo anuncia o goberno local. Trátase de persoal operario que se contratará a través do plan Concellos da Deputación de Pontevedra para realizar tarefas de limpeza, reparación e rozas.
A condición indispensable para as persoas aspirantes é que se atopen empadroadas no municipio. Catro prazas destinaranse a rozas e mantemento de espazos públicos e outras seis destinaranse a reparación e mantemento de infraestruturas municipais. Estes postos terán unha xornada de 25 horas á semana e un salario de 1.274 euros netos ao mes. O contrato durará medio ano.
Tamén se oferta unha praza para a limpeza viaria e de espazos públicos. Neste caso tamén se require contar con carnés de conducir B, C1, C, BE, C1E e CE. Neste caso o salario ascende a 1.324 euros netos ao mes cunha xornada de 37,5 horas á semana e a duración do contrato establécese en oito meses.
Un representante da Deputación realizará as probas de selección entre a listaxe de persoal que remita a oficina de emprego ao Concello de Ponte Caldelas, con garantías de igualdade de oportunidades e transparencia na selección, segundo indican desde o goberno local.