O Concello de Caldas procede ao levantamento topográfico da zona do Campo da Torre
Por Redacción
Esta semana iniciáronse os traballos de levantamento topográfico de detalle do centro histórico de Caldas de Reis no entorno do río Bermaña e do Camiño de Santiago, na zona norte do casco urbano.
Concretamente os traballos lévanse a cabo na praza do Campo da Torre e das rúas Gaioso, San Roque e Fermín García, que maioritariamente forman parte tamén da Área de Rehabilitación Integrada (ARI) de Caldas. Os traballos son realizados por técnicos da empresa Topodel por encargo do Concello.
O resultado servirá de base gráfica para os posteriores proxectos de acondicionamento e mellora da urbanización desta zona co obxectivo de poñer en valor a calidade arquitectónica e urbanística do conxunto e facilitar a mobilidade peonil na vila termal.
O concelleiro de Medio Ambiente e Obras, Manuel González, sinala que "estas actuacións derívanse do Plan de Mobilidade Sustentable elaborado co apoio da Deputación e que foi aprobado polo Pleno do Concello no 2019".
Manuel González indicou que as reformas "permitirán mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas ao tempo que mellorará a imaxe e o atractivo desta zona histórica para visitantes e peregrinos". A intención do Goberno local é presentar estes proxectos nas futuras convocatorias de financiación europeas para o desenvolvemento da Axenda Urbana e para a mellora da sustentabilide e a transición enerxética e tamén noutras como o Plan Ágora da Deputación.
O alcalde, Juan Manuel Rey, destaca "o compromiso do Concello en mellorar toda esta zona central e histórica de Caldas creando espazos amables e de calidade, seguindo coa política de recuperación do patrimonio e complementándoa coas actuacións de rehabilitación de vivendas a través da Oficina de ARI".
Juan Manuel Rey confía en poder levar a cabo estes proxectos progresivamente nos vindeiros anos, "pero hai que sinalar que o proceso aínda será longo xa que os proxectos que se redacten requerirán das autorizacións sectoriais de Patrimonio e de Augas de Galicia".