Case 70 traballos optarán aos Premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción
Un total de 69 traballos optarán aos Premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo. Concretamente, o departamento de cultura do Concello de Bueu recibiu 50 poemarios e 19 traballos xornalísticos, que se valorarán nas dúas convocatorias.
Trátase dunha cifra que "demostra unha vez máis que este certame é xa todo un referente a nivel galego", destacan dende o Concello. Pola súa banda, o concelleiro de cultura e ensino, Xosé Leal, salientou que "é importante que un premio que aposta pola creación na nosa lingua se consolide" e engade que "o crecemento paulatino dos traballos que se presentan na categoría de xornalismo", algo a poñer en valor con motivo do Día dos Medios en Galego que se celebra o próximo domingo, 7 de febreiro.
O departamento de cultura que dirixe o nacionalista Leal, tal e como vén sendo habitual, conformará o xurado que revisará os traballos nas próximas semanas, a fin de que se seleccionen os gañadores ou gañadoras entre finais de abril e comezos de maio. Os premios están dotados con 1.500 euros en ambas categorías, amais da publicación do poemario gañador na editorial Xerais.
Os Premios Johán Carballeira naceron coma homenaxe ao político, poeta e xornalista bueués, José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johán Carballeira, tivo como gañadores na pasada edición a Marcos Abalde co poemario "Alcatrán" (que proximamente publicará a Editorial Xerais) e na categoría de xornalismo, o galardón recaeu en Nieves Neira Roca, coa reportaxe "A fotógrafa revelada", que viu a luz no xornal Diario de Pontevedra e que recentemente se converteu en libro da man de Acentral Folque.
O certame, que xa conta con moita historia, ten galardoado na categoría de xornalismo a persoas como Aser Álvarez, Francisco Seoane Pérez, Óscar Curros Moure, Moncho Paz, Cristian López Iglesias, Arturo Sánchez Cidrás, Antón Lopo, entre outros; e na categoría de poesía, a poetas tan recoñecidos como Xosé Carlos Caneiro, Yolanda Castaño, Xurxo Alonso, Mario Regueira, Berta Dávila, María Carmen Caramés, Ismael Ramos, Pura Tejelo, María Reimóndez, Daniel Asorey, Arancha Nogueira...