Marta Veiga, gañadora do premio Johán Carballeira de xornalismo
Por Redacción
Este domingo 18 de abril o xurado da XVIII edición do Premio Johán Carballeira de Xornalismo deu a coñecer a súa decisión. A xornalista Marta Veiga Izaguirre resultou gañadora coa reportaxe titulada 'Cantigas para despois dunha pandemia', publicada na Revista Luzes en xuño de 2020.
O xurado, formado por Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, David Lombao, xornalista de Praza Pública, e Nieves Neira, gañadora do certame na pasada edición e tamén xornalista en El Progreso, salientaron na acta "que a reportaxe ofrece un relato no que se tratan problemas previos á pandemia que continuarán despois desta".
O traballo de Marta Veiga destaca polo seu estilo e a estrutura a modo de conversa, cun humor acedo que non cae na frivolidade. Achega a cara social e política da pandemia, máis alá de datos e cifras.
A gañadora é profesora asociada da área de Xornalismo no Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e xornalista freelance. Investigadora e xestora do grupo de innovación docente Xuvenciencia, Licenciada en Ciencias da Información pola USC, ten traballado en medios de comunicación como Diario de Pontevedra e El Progreso.