Marcos Abalde e Nieves Neira reciben os premios de poesía e xornalismo Johán Carballeira
Por Redacción
Este luns 17 de agosto, Día da Galiza Mártir, o Concello de Bueu celebraba o acto de entrega dos Premios Johán Carballeira 2020 nun evento que se trasladaba ao Centro Social do Mar con motivo das choivas intensas durante toda a xornada.
Marcos Abalde, gañador da categoría de poesía por 'Alcatrán' e Nieves Neira, premiada en xornalismo pola reportaxe titulado 'A fotógrafa revelada' recibían de mans do alcalde Félix Juncal unha placa de cerámica coa imaxe de Johán Carballeira, deseñada pola artista Cavalinho do demo (Paula Pereira).
Manuel A. Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos de Johán Carballeira, referiuse á necesidade de que as administracións aposten por iniciativas que normalicen a lingua galega en todos os ámbitos.
A xornalista lucense Nieves Neira explicou como elaborou a reportaxe sobre Maruja Roca, unha pioneira da fotografía en Galicia, que era a súa tía avoa. Reclamou a recuperación das voces das mulleres silenciadas e referiuse ao xornalismo ao sinalar que a reportaxe foi creado en horas gañadas ao tempo dunha "profesión cada vez máis precarizada".
Tamén Marcos Abalde destacou que o Día da Galiza Mártir era unha data importante nun tempo no que se nos quere privar "dos nosos mortos", explicaba o autor da obra premiada na que se fai referencia á dignificación do rural e dos seus habitantes. Esta obra será publicada en breve pola editorial Xerais.