A Deputación elaborará 'Metrominutos' para os 'Concellos Ágora'
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade, vai elaborar 'Metrominutos' para todos os 'Concellos Ágora' que o soliciten. Así o confirmou este martes o deputado Uxío Benítez, quen destacou que a iniciativa supón unha axuda aos municipios integrantes da rede de traballo provincial para animar ás persoas a camiñar a través dunha ferramenta de comunicación xa recoñecida.
Benítez mantivo este martes unha reunión cos concellos e con persoal da Rede de Cidades que Camiñan (que realizará os deseños) para explicar as características do 'Metrominuto' e como se pode aplicar aos diferentes municipios da provincia. O encontro contou coa presenza de representantes técnicos e políticos de trinta gobernos locais que se manifestaron interesados na proposta, remitindo xa as primeiras solicitudes formais, que se concederán por orde de chegada.
Concretamente foron os concellos da comarca de Pontevedra: Poio, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade e A Lama; do Salnés: Meaño, Vilagarcía, Ribadumia e Meis; do Morrazo: Bueu, Marín e Vilaboa; de Vigo: Porriño, Nigrán, Gondomar, Salceda, Soutomaior e Mos; de Caldas: Valga, Moraña e Caldas; do Baixo Miño: O Rosal, Tui e Tomiño; do Condado Paradanta: Arbo, Salvaterra e Mondariz ; e do Deza Tabeirós: Vila de Cruces e Silleda.
''A reunión foi un éxito. Esta é unha experiencia piloto que se vai probar, xa que o territorio da provincia de Pontevedra non é o mesmo que o de núcleos urbanos e compactos. Temos que ver de que maneira melloramos iso e facemos metrominutos máis adaptados á nosa realidade dispersa'', apuntou o deputado.
O 'Metrominuto' é dun mapa sinóptico deseñado cos códigos visuais dos mapas de metro que mide distancias e tempos camiñando entre os principais puntos de centralidade (servizos, prazas, parques, centros de barrio…) de cada vila ou cidade de calquera tamaño.
A súa finalidade é desdramatizar a cultura do camiñar, poñendo en evidencia a proximidade entre lugares recoñecibles, ademais de resaltar a importancia de ir construíndo cidades compactas, densas e diversificadas, onde as necesidades da vida cotiá poden resolverse en traxectos curtos a pé.
O primeiro 'Metrominuto' naceu en 2011 froito dun laboratorio de ideas sobre mobilidade peonil na cidade de Pontevedra e desde entón foron numerosas cidades as que optaron por adaptar esta idea á súa oferta informativa sobre mobilidade. En 2013 mereceu o Premio Intermodes da axencia homónima.
O deseño dos 'Metrominutos' da Rede Ágora contará coa colaboración da Rede de Cidades que Camiñan, que vai executar o deseño para cada un dos concellos. Nestes momentos está en elaboración xa un dossier explicativo específico para a rede Ágora e as características do territorio pontevedrés.
Relacionadas:
-
A Deputación crea a "Facultade Ágora" tras detectar un "déficit de coñecemento" no tratamento do espazo público
Por Oskar Viéitez |
-
O Metrominuto chega a Monte Porreiro acompañado dunha guía comercial
Por Redacción |
-
Editan 17.000 exemplares do Vaiapé, o metrominuto de Vilagarcía
Por Oskar Viéitez |
-
Metrominuto inspira á Comunidade de Madrid
Por Alejandro Espiño |
-
Metrominuto terá a súa propia APP para dispositivos móbiles
Por Alejandro Espiño |
-
Ao Metrominuto nácelle un primo irmán, o MetroBici
Por Redacción |