Vilagarcía quere contratar 38 operarios cun plan de emprego que supera o medio millón de euros
Por Oskar Viéitez
Vilagarcía de Arousa solicitará unha subvención con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para financiar o novo plan de emprego mediante o cal se pretende contratar a 38 traballadores para reforzar os servizos municipais durante un período de 9 meses.
O custe deste programa de emprego ascende a 539.615 euros, dos cales 311.816 corresponden á axuda solicitada á administración provincial e os 227.798 restantes serán financiados polo propio Concello.
Esta achega supera o 42% do custe total do programa, o que supón un importante esforzo que o Concello asume "con convicción" por entender que os plans de emprego son hoxe, en plena crise económica pola pandemia, "máis necesarios que nunca".
Os postos demandados polo Concello este ano son 12 axudantes albaneis, 3 auxiliares administrativos, 4 peón instaladores electricistas, 4 traballadores de conservación de parques urbanos, xardíns históricos e botánicos; 4 peóns forestais, 4 peóns pintores/empapeladores, 1 peón carpinteiro, 1 peón fontaneiro, 1 peón soldador para arco eléctrico, 1 peón sepultureiro/enterrador, 1 peón laceiro/recollida de animais, 1 axudante mantenedor de instalacións deportivas e 1 peón condutor operador de retroescavadora.
Todas as contratacións son a xornada completa e por un período de 9 meses e o persoal contratado integrarase en distintos servizos e departamentos municipais.
O Concello deberá esperar a que a Deputación resolva positivamente a solicitude da subvención. Unha vez superado este trámite, remitirase a oferta ao servizo público de emprego, que será quen elabore a lista de aspirantes entre as persoas inscritas como demandantes de emprego nas súas listas e que se axusten aos perfís requiridos.
Darase prioridade á hora da selección ás vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33%, familias monoparentais con fillos ao cargo, persoas cos niveis de renda máis baixa e persoas con cargas familiares.