O orzamento de Cuntis para 2021 superará os 4 millóns de euros
Por Redacción
Facer fronte ás nefastas consecuencias causadas pola pandemia. Ese será o principal obxectivo do orzamento municipal para 2021 no que xa traballa o Concello de Cuntis.
Serán unhas contas, segundo avanza o alcalde Manuel Campos, que ascenderán a un total de 4.025.000 euros, un 21,9% máis que o orzamento de 2019.
"Neste orzamento tratamos de recoller as principais necesidades orzamentarias do noso Concello, dándolle prioridade a partidas sociais", destaca Campos.
Nas contas conservaranse as axudas aos distintos colectivos sociais e culturais do municipio, así como programas como o Cuntilín ou as axudas á natalidade.
A maiores contémplase unha partida específica de 30.000 euros para axudas ao comercio, ao colectivo de taxistas e a aquelas actividades que se viron afectadas pola covid-19.
Vanse a destinar case 500.000 euros a investimentos directos e tamén haberá partidas, entre outras actuacións, para a conservación de petróglifos e para o patrimonio cultural.
O goberno municipal xa mantivo unha primeira xuntanza con PP e Veciñanza para presentarlles as liñas básicas deste orzamento. Na próxima semana celebrarase unha nova reunión cos grupos para tratar de recoller as súas propostas.