A Deputación mellorará a seguridade viaria da EP-8401 ao seu paso por Cuntis
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra investirá 110.000 euros no acondicionamento da estrada EP-8401 entre as localidades de Portela, en Cuntis; e Souto de Vea, na Estrada. Os traballos levarán a cabo durante os próximos meses e servirán para dotar de cunetas tendidas a ambos os dous lados dos dous primeiros quilómetros deste tramo.
O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, destacou a mellora na seguridade viaria para condutores e peóns que supoñerá esta actuación durante a visita ao lugar, na que estivo acompañado pola socialistas Noemí Outeda, Carlos Font e o rexedor cuntiense, Manuel Campos.
"Por aquí pasan moitos camións que van cara a Santiago e tamén de ciclistas; houbo xa algún accidente e podemos afirmar que é unha mellora moi necesaria”, engadiu o alcalde da vila termal.
Estas cunetas terán unha anchura de entre 1 e 1,5 metros a ambos os dous lados da estrada que servirá para incrementar desde os 6,5 ata os 9 os metros de anchura total da vía.
O último estudo realizado sobre a ocupación desta estrada reflicte que a media de vehículos que circulan por ela ao día supera os 2.800, dos máis de 190 son pesados.