VÍDEO.- Un mestre de Pontevedra parodia a Julio Iglesias para apoiar a hostelería
Por Alejandro Espiño
Ás veces non hai nada mellor que o humor para reivindicar algo. É o que demostrou Iago Martínez, profesor de Primaria dun colexio de Pontevedra que decidiu gravar un vídeo para apoiar á hostalería, un dos sectores máis castigados pola covid-19.
Para iso, a partir da coñecida canción Hey de Julio Iglesias como base musical, Iago Martínez creou Rescate da Hostalería... ¡Y lo sabes!, un vídeo que está a revolucionar as redes sociais nos últimos días.
Esta parodia, segundo explica este profesor -que ademais é integrante da murga Equipo Já de Pontevedra-, ten como obxectivo empregar o humor para apoiar a este sector e a todas as persoas que están a sufrir debido á pandemia.
O vídeo recibiu gran cantidade de visitas en poucos días e foi compartido por moitísima xente en redes sociais como Facebook ou TikTok.
Esta é a quinta parodia que sobe á súa canle de Youtube, EU_genio PARODY. Nelas, un ancián galego chamado Eugenio busca transmitir mensaxes a través do humor: a primeira, titulada Maruxa (La Tusa de Karol G), foi vista na a corentena por 30.000 visualizacións.
Despois chegaron Carai (co Hawaii de Maluma) para chancear sobre o ocorrido no partido Deportivo-Fuenlabrada; e Vida de Político (con Vida de Rico de Camilo), no que parodiaba a boa vida que levan os políticos españois.
Iago asegura que é un pracer ver a aceptación que están a ter estes vídeos cos que quere transmitir unha mensaxe de fondo: utilizar música moderna que enganche tamén aos mozos e utilizar a lingua galega co fin de fomentar o seu uso.
"Me enorgullece que os meus alumnos saiban as letras de memoria e que me pregunten continuamente cando vai saír a seguinte parodia", afirma este profesor de Pontevedra, que entende que "non deixa de ser un ensino, que loiten pola xustiza sempre desde un ton positivo e alegre".