A peregrinación dos hostaleiros ao Congreso conclúe cunha marcha pola capital antes de ser recibidos polo Goberno
Por Manu Otero
Foron quince días de extraordinario esforzo físico para completar a pé os máis de 600 quilómetros que separan Pontevedra de Madrid.
Sete hostaleiros de Marín, Poio e Pontevedra iniciaban o 7 de decembro unha peregrinación desde a capital lerezana á capital do Estado para escenificar a dura travesía polo deserto que atravesa o sector como consecuencia das restricións sanitarias derivadas da pandemia da covid-19 e para conseguir o rescate da hostalería.
Os problemas físicos, o frío e a choiva quedaron atrás e este luns a comitiva pontevedresa era recibida no centro neurálxico de España por centos de hostaleiros e autónomos do gremio chegados de todos os puntos do territorio nacional para unirse a esta causa impulsada pola Asociación de Hostaleiros Empresarios de Pontevedra (Hoempo).
Axudas económicas para superar a crise, exención de taxas e impostos para aqueles obrigados a permanecer pechados pola pandemia e flexibilidade nos ERTE, cotas de autónomos, pagos de alugueiros e préstamos son principais demandas que desde as Rías Baixas tratarán de conseguir para todo o sector hostaleiro do país. Sen esquecerse do estigma que acompañou a estes locais desde o estalido da pandemia, o de sentirse sinalados como responsables dos contaxios.
A última etapa desta maratoniana marcha tivo lugar polas rúas da capital. Desde a facultade de Estatística ata a porta do Congreso, pasando por icónicas prazas madrileñas como a Porta do Sol, centos de traballadores de todos os recunchos proclamaban as mensaxes que cada luns facíanse oir polas rúas pontevedresas. "A hostalería non é o problema, é a solución" ou "hostelería somos todos", entoaban ao son de chifres, tambores e cacerolas.
Xa nas Cortes, ás que accederon descalzos, os sete camiñantes do equipo da Operación de Rescate da Hostalería, afrontaban unha cargada axenda de reunións con representantes da práctica totalidade dos grupos políticos que compoñen o parlamento.
O socialista Rafael Simancas, secretario xeral do PSOE, foi o encargado de recibir aos manifestantes na sala Pérez-Llorca do Congreso. O coordinador dos deputados e senadores do PSdeG-PSOE, Guillermo Meijón, a senadora Marica Adrio e os concelleiros pontevedreses Tino Fernández, Iván Puentes e Marcos Rey asistiron tamén ao encontro.
"Somos conscientes de que algunhas das nosas decisións afectaron a diferentes sectores, un dos máis afectados foi a hostalería", admitiu o secretario socialista, antes de adiantar que o Goberno está a elaborar un paquete de medidas deseñado especialmente para o sector hostaleiro que recollerán as peticións trasladadas polos afectados, comprometeuse Simancas nun ton conciliador.
Durante toda a xornada, as reunións e mensaxes de apoio do resto de formacións políticas foron constantes. Foron recibidos polo vicepresidente do Goberno da Comunidad de Madrid, polo grupo parlamentario de Cidadáns, do PSOE, Unidas Podemos, VOX, BNG ou do PP, entre outros.
O portavoz local do Partido Popular, Rafa Domínguez, estivo tamén en Madrid cos seus veciños, cara aos que tivo palabras de apoio e aproveitou para esixir medidas compensatorias ao Goberno. "Exención total das taxas municipais: veladores, augas e de lixos e un plan de axudas directas por parte do Concello", reclamou antes de lembrar que "a todas estas reivindicacións e ás nosas propostas o Concello votou en contra”.
Relacionadas:
-
O Equipo Rescate Hostelería volve ás estradas este xoves camiño de Santiago para pedir axudas á Xunta
Por Redacción |
-
A Deputación reclama á Xunta un plan "inmediato" de rescate a hostaleiros e comerciantes
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Un mestre de Pontevedra parodia a Julio Iglesias para apoiar a hostelería
Por Alejandro Espiño |
-
600 quilómetros para unir un sector e remover conciencias
Por Manu Otero |
-
"Agotados pero ilusionados", os integrantes de 'Equipo Rescate Hostelería' xa están dispostos a tomar Madrid
Por Redacción |
-
A hostalería escenifica o seu enterro tras unha reapertura parcial “totalmente insuficiente”
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
'Operación Rescate Hostelería' completa a súa primeira etapa e obtén a solidariedade do alcalde de Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Empeza a operación 'Rescate hostalería': rumbo a Madrid tras recibir o apoio de PSOE e PP a nivel local
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O lecer nocturno da Hostalería de Pontevedra pide á Xunta un plan de rescate
Por Redacción |