600 quilómetros para unir un sector e remover conciencias
Por Manu Otero
Cos pés cheos de feridas pero co orgullo de superar un reto que transcende o persoal, os sete hostaleiros que peregrinaron ata Madrid co peso dunha hostalería moribunda nas súas mochilas xa están na casa.
Durante os quince días de camiñada lograron o apoio, a comprensión e os ánimos de todo o país. "Démonos conta de que a sociedade nos apoia e está concienciada de que merecemos un rescate", revela satisfeito Dani Lorenzo, propietario do pub pontevedrés La Pomada durante o seu camiño de regreso a Galicia.
A lista de agradecementos é infinita, desde os aldeáns que saían ás portas das súas casas para animalos ou ofrecerlles alimento, ata os políticos locais que poñían todos os servizos do pobo á súa disposición. "Descubrimos unha parte da sociedade e da política que descoñeciamos", remarca.
O colofón a todas esas lombeiradas colleitadas ao longo de 600 quilómetros de choiva, frío, dores e penurias estivo na entrada en Madrid. "Foi espectacular" resume Lorenzo os últimos metros dunha manifestación na que estiveron presentes hostaleiros de boa parte da xeografía española.
"Isto non queda aquí, haberá máis accións", augura o hostaleiro. "Isto serviu para unir a un sector afeito a sufrir e que non sempre estivo unido. Creamos unha pequena faísca que fará que a xente non se conforme", sostén con orgullo. A primeira mostra chegará nunhas poucas semanas cunha concentración en Santander á que están convocados hostaleiros de todo o país.
Menos convencidos están de que as boas palabras expresadas por todos os grupos políticos que os recibiron no Congreso vaian traducirse en feitos. "Cos políticos xa se sabe, boas palabras e pouco máis, Esperaremos os resultados para facer unha valoración", declara un escéptico Lorenzo.
Aos líderes de PSOE, Unidas Podemos, PP, VOX, Cidadáns ou BNG expuxéronlles as calamidades que atravesan os autónomos e pequenas empresas do gremio, pedíronlles axuda coas cotas de autónomos, os alugueiros, os impostos, os créditos, flexibilidade cos ertes e moitas máis demandas que poden aglutinarse nun rescate para a hostalería. Similar ao da banca tras a crise do 2008 ou ao da industria pesqueira co desastre do Prestige.
"Parece que nos entendían, pero logo nas noticias vemos cousas que non se corresponden co que propoñemos. Ademais, non é un rescate, é un investimento. De nós dependen outros moitos sectores da economía, isto non é como rescatar unha autoestrada", ilustra Lorenzo, que defende unhas axudas ao estilo alemán, cuxo Goberno subvencionará a cada negocio co 75 % da facturación de exercicios anteriores.
"Ao final a marxe de beneficios de calquera hostaleiro está ao redor do 15 ou 20 %", xustifica o empresario, que, como todo o colectivo, pide axuda só para poder facer fronte aos gastos e evitar a quebra.
Xa nas súas casas esperan agora que o espírito do Nadal remova as conciencias dos gobernantes e aposten por axudar con medidas eficaces a un sector que non levanta cabeza desde o mes de marzo. "Cheguei a Madrid coa sola das botas rota, sen tacóns. Esa sola das miñas botas é como o Goberno ou a Xunta, non están. E sen elas, non se pode camiñar", remata Dani Lorenzo cunha metáfora que condensa unha odisea de máis de 600 quilómetros cuxo final está aínda moi lonxe.
Relacionadas:
-
Catrocentos hostaleiros de Pontevedra xa recibiron as axudas do plan de rescate da Xunta
Por Redacción |
-
A Deputación reclama á Xunta un plan "inmediato" de rescate a hostaleiros e comerciantes
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Un mestre de Pontevedra parodia a Julio Iglesias para apoiar a hostelería
Por Alejandro Espiño |
-
A peregrinación dos hostaleiros ao Congreso conclúe cunha marcha pola capital
Por Manu Otero |
-
"Agotados pero ilusionados", os integrantes de 'Equipo Rescate Hostelería' xa están dispostos a tomar Madrid
Por Redacción |
-
A hostalería escenifica o seu enterro tras unha reapertura parcial “totalmente insuficiente”
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |