Caldas lembrará o 850 aniversario do asasinato do arcebispo de Canterbury e mellorará a súa igrexa, Santo Tomás
Por Redacción
O próximo 29 de decembro conmemórase o 850 aniversario do asasinato, en 1170, do arcebispo de Canterbury, Thomas Becket, a mans de catro nobres que seguirían as ordes do rei Enrique II. O aniversario toca moi de cheo á vila pontevedresa de Caldas de Reis porque ten a única igrexa adicada a este santo en Galicia, o templo de Santo Tomás. Por este motivo, o aniversario vaise conmemorar na vila.
Para construír a actual igrexa derrubouse en 1891 a Torre de Dona Urraca e a anterior igrexa de Santo Tomás, que se atopaba parcialmente sobre a actual 'plazuela' e moi próxima á confluencia entre a rúa Real e a rúa Igrexa. Con motivo deste aniversario, o Concello vai tentar restituír en planta a posición desa antiga igrexa para lembrar a súa presenza.
Ademais, o Concello procederá á interpretación do conxunto e dalgúns elementos singulares da igrexa de Santo Tomás como as xanelas da antiga Torre de Dona Urraca, á vez que se restaurará a placa de mármore de 1891 dedicada ao arcebispo Martín de Herrera, un dos promotores da igrexa que dá nome ao conxunto da praza das palmeiras e a 'plazuela'.
O Concello vai incluír nos materiais de promoción turística e de interpretación do patrimonio a historia de ambas igrexas e os promotores da súa construción, como o alcalde Román López, o empresario Laureano Salgado ou o deputado Sagasta, entre diversas institucións e benefactores locais.
De feito, o Concello de Caldas destacará á igrexa de Santo Tomás na súa estratexia de promoción e desenvolvemento turístico da vila termal no Camiño Portugués, ao ser o único templo en Galicia dedicado a este santo e un dos poucos que existen en España.
Segundo as informacións que recolleu o historiador caldense Hipólito de Sa, Thomas Becket estaría en Caldas de Reis cara ao ano 1167 na súa peregrinación a Santiago desde Portugal polo camiño da costa, poucos anos antes da súa morte.
En Caldas aloxouse no antigo Hospital de Santiago, fronte á Burga. Por este motivo, pouco despois do seu martirio, dedicouse unha igrexa a este santo, que cara ao ano 1890 sería derrubada para construír o templo actual, moito maior, que permitía acoller a unha poboación tamén superior e ao gran número de clientes dos balnearios e de peregrinos.
Relacionadas:
-
A restauración da plazuela de Caldas porá en valor o proxecto de Jenaro de la Fuente de 1896
Por Redacción |
-
Caldas restaura a placa de mármore do século XIX da Praza Arcebispo Martín de Herrera
Por Redacción |
-
Caldas de Reis reurbanizará a travesía Dona Urraca ocupando terreos cedidos pola Garda Civil
Por Redacción |
-
Caldas vai a restaurar o conxunto histórico da Praza Martín de Herrera
Por Redacción |
-
A música soará polo Nadal en Caldas de Reis
Por Redacción |