Múnic coñecerá a "relaxing tapa de calamares in the Leña Square" a través do alcalde Lores
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra partía este martes cara á cidade de Múnic (Alemaña) para participar na conferencia mundial Walk 21. O venres 13, Miguel Anxo Fernández Lores, ademais do enxeñeiro xefe da oficina técnica do Concello, Jesús Gómez Viñas, explicarán o modelo de cidade que se está a aplicar en Pontevedra.
Lores explicaba, antes de partir, que haberá unha mesa redonda de alcaldes na que se debaterá sobre a aplicación de sistemas peonís e sobre calidade urbana. "Do que se quere falar é de como fixemos as cousas. Vou insistir en que o modelo está na teoría descrito e hai moitas tendencias a nivel mundial e europeo de falar de facer unhas cidades con espazos públicos para os cidadáns, pero todo iso é teoría de sustantibilidade, de accesibilidade e de todo o demais pero, ao final o que hai que tomar son decisións políticas", indicou o alcalde pontevedrés.
O rexedor referiuse a que nestas xornadas nas que tamén participan representantes de cidades, entre outras, como Londres, New York ou Lausanne "o debate vai estar centrado sobre esas decisións políticas, na participación, en como os cidadáns asumen ese modelo" e engadiu que as súas intervencións se centrarán en explicar os pasos cara á peatonalización dunha cidade "é unha cuestión de valentía política, de moito consenso e de moita participación social. Aí é onde queren incidir no debate sobre como chegar e ver no caso de Pontevedra como despois de 13 ou 14 anos conseguimos pegar un salto importante".
Lores indicou que o debate desenvolverase a intervención de tradutores e comentou, entre bromas e en relación co "relaxing cup of café con leite" da alcaldesa de Madrid, Ana Botella, que no seu caso vai explicar as vantaxes da "relaxing tapa de calamares in the Leña Square".
Relacionadas:
-
Sidney coñecerá o modelo urbano de Pontevedra da man de Fernández Lores
Por Redacción |
-
Lores di en Múnic: "Democracia, esa é a palabra clave do que perseguíamos coa peonalización da cidade"
Por Redacción |
-
O alcalde de Pontevedra súmase a unha marcha reivindicativa polas rúas de Múnic
Por Redacción |
-
Hep Monatzeder, alcalde de Munic "Pontevedra é una inspiración"
Por Redacción |
-
Pontevedra contrastará o seu modelo peonil co de Munich, Goteborg e Sidney
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra 'presumirá' de modelo de cidade en Múnich
Por Alejandro Espiño |