Poio impulsa unha campaña para potenciar o galego porque "o que se dá non se quita"
Por Redacción
Baixo o nome "O que non se dá non se quita", o Concello de Poio activou unha campaña para promover e fomentar o uso da lingua galega no municipio.
Esta iniciativa, que terá unha marcada vertente dixital para chegar ao maior número de persoas no menor tempo posible, foi presentada polo alcalde, Luciano Sobral, e a concelleira responsable de Normalización Lingüística, Marga Caldas.
A través da campaña, segundo explicou Caldas, o goberno municipal quere "eliminar a sensación de medo a trabucarnos" que existe entre a xente ante o uso do galego.
"Ese tipo de mentalidade é a que, de xeito inconsciente, nos pode afastar da lingua galega, coa conseguinte perda no seu uso", asegurou a edil do BNG.
A campaña lanzará mensaxes nun ton positivo, combinándoas con imaxes e animacións virtuais, "cos que animaremos á xente a que perda o medo á hora de expresarse habitualmente en galego, porque o certo é que o único galego erróneo é o que non se fala".
Marga Caldas sinalou que a campaña estará dedicada especialmente á mocidade.
Esta é unha das primeiras iniciativas que se poñen en marcha logo da aprobación, no pasado pleno ordinario de novembro, da nova ordenanza de impulso do galego no Concello de Poio.
A través deste novo documento, non só se aposta por manter a regulación do galego en cuestións como a atención ao público ou a realización de diferentes tramitacións, senón que tamén se pretende consolidar o galego como unha ferramenta "útil e inclusiva".
No futuro desenvolveranse iniciativas similares no eido asociativo, empresarial e educativo. Outro obxectivo a acadar será o de poñer en valor a toponimia local.
Relacionadas:
-
Entra en vigor a nova ordenanza reguladora para o impulso do galego en Poio
Por Redacción |
-
Luisa Piñeiro supervisa as melloras en dous viais da parroquia de Samieira
Por Redacción |
-
'Mellor local, mellor galego', a aposta do BNG para apoiar o comercio local: "é o momento de facer unha grande mobilización"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Poio elabora unha ordenanza para impulsar o uso do galego na administración local
Por Redacción |