Poio elabora unha ordenanza para impulsar o uso do galego na administración local
Por Redacción
O Concello de Poio, a través da Concellería de Normalización Lingüística, está a traballar na elaboración dunha nova ordenanza para dar un pulo á utilización do galego no día a día da Administración local, tanto a nivel político-administrativo como a nivel social e de cara á cidadanía.
En principio, o documento constará de 14 capítulos, 23 artigos e unha disposición adicional, a través dos cales se regulará o uso do galego e nas actuacións administrativas e en cuestións como a atención cara o público, tarefas de documentación, publicacións e accións informativas, merca de bens e materiais, contratacións de servizos, sinalizacións e rotulados ou relacións con empresas privadas. Tamén regulará todo o vencellado á toponimia, rueiro, emprazamentos ou edificacións.
A concelleira de Normalización Lingüística, a nacionalista Marga Caldas, entende que "é preciso adoptar medidas encamiñadas a que ninguén sexa discriminado ou discriminada por razón da lingua que empregue á hora de realizar diferentes xestións vencelladas á Administración municipal, tanto por escrito como oralmente". A responsable deste departamento lembra a necesidade de actualizar a normativa vixente, que data de finais do século pasado, toda vez que "a realidade lingüística mudou de xeito notable, así como a relación entre o Concello e a veciñanza".
O documento establecerá, ademais, a responsabilidade do propio Consistorio no que se refire a dar un pulo institucional ao idioma, así como a necesidade de coidar a calidade lingüística e o uso "dunha lingua democrática e inclusiva", salienta Caldas Moreira, que adianta a opción de dar vida a un "órgano participativo que vele pola aplicación e seguimento desta ordenanza".
Ademais, Marga Caldas fai fincapé na necesidade de crear un Servizo de Normalización Lingüística, co obxectivo de "procurar o incremento do uso social do galego a todos os niveis e ámbitos da sociedade do noso concello". Tamén se traballará na coordinación de accións que impliquen aos diferentes departamentos municipais no obxectivo de conseguir esta consolidación lingüística.
A concelleira titular desta área salienta o carácter transversal desta normativa, xa que "temos pensado diferentes desenvolver tamén iniciativas en diferentes eidos como o educativo, sen esquecer aos tecidos asociativos e comerciais de Poio. Para iso, levaremos a cabo accións e promocións que daremos a coñecer proximamente", concluíu.
TOPONIMIA
O capítulo 10 da ordenanza céntrase na toponimia e nomes de rúas, emprazamentos e edificios. Tal e como se incide neste apartado, o Concello promoverá a recuperación, coñecemento e uso da toponimia do territorio municipal, preservando as formas tradicionais dos lugares como parte integrante da memoria colectiva do patrimonio cultural.
"Recuperar a nosa toponimia tamén é unha maneira de recuperar a nosa lingua", sinala Marga Caldas, que lembra que, á hora de darlle nome ás rúas, seguiranse os criterios establecidos na declaración asinada pola Comisión de Toponima en 2002. Entre eles, destaca a preferencia polo uso de topónimos tradicionais antes que fórmulas de nova invención. No caso de emprazamentos xeográficos de nova creación realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e se empregarán nomes tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.
Ademais, á hora de propoñer un topónimo conmemorativo teranse en consideración a persoas cunha forte vinculación a un lugar ou elemento xeográfico, ou ben que teñan destacada significación no legado cultural a nivel local, comarcal ou nacional. A proposta de nomeamento terá que contar, asemade, co apoio da comunidade local.
A Concellería de Normalización Lingüística prevé presentar este documento ante as pertinentes comisións informativas e Xunta de Goberno Local, antes de ser aprobado en Pleno.