'Mellor local, mellor galego', a aposta do BNG para apoiar o comercio local: "é o momento de facer unha grande mobilización"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"É o momento de facer unha grande mobilización". Con esta petición, o deputado do BNG Luís Bará presentou este mércores en Pontevedra a nova campaña que o seu partido acaba de poñer en marcha en toda Galicia para apoiar o comercio local e de proximidade en medio da crise sanitaria da covid-19 e a crise económica derivada da mesma.
Bará acudiu á libraría Seijas de Pontevedra para presentar a campaña, acompañado polos concelleiros do BNG en Pontevedra Eva Vilaverde, Carme Fouces e Demetrio Gómez, que tamén animaron á poboación a seguir o espírito desta iniciativa e facer as compras no comercio de barrio. Eles mesmos predicaron co exemplo.
A campaña, que leva por título 'Mellor local, mellor galego', busca animar á cidadanía a apostar polo comercio local e polo produto galego e tamén pide a implicación das institucións, á que lle piden esa "grande mobilización desde todos os ámbitos"
Apoiar o comercio local é "fundamental" neste momento de crise, no que este sector se atopa "moi afectado polas medidas restritivas", por iso é o momento de apoialos.
Ademais, acudindo a este tipo de negocios e adquirindo produtos feitos en Galicia darase a apoio a sectores "fundamentais desde o punto de vista económico, social e do medio", pois, tal e como lembra Bará, "supón xerar emprego e riqueza que queda aquí", "dálle cohesión aos centros urbanos e vilas" e supón "menos impacto ambiental".
A proposta do BNG pasa por poñer en marcha un plan integral baseado en catro eixos: fomento da produción local, sobre todo a de alimentos, fortalecendo sectores como o agro, o mar e a gandaría; medidas de apoio á comercialización tanto física como a través de Internet e a etiquetaxe con marcas de calidade; potenciar mercados locais e consumo en centros comerciais urbanos fronte á proliferación das grandes superficies e da venda das grandes plataformas en liña; e un plan de rescate.
Este plan de rescate, que terá que elaborar a Xunta de Galicia como administración con competencias na materia, debería ter unha dotación de 100 millóns de euros con cargo aos orzamentos autonómicos de 2020 e 2021.
A súa proposta pasa por incluír axudas directas aos servizos en xeral, á hostalaría, á restauración, ao comercio e ao sector primario, que deberían empezar xa e seguir en 2021 porque será "un ano moi duro" para moitos sectores.