Nin en Vigo nin en Nova York: o Nadal está en Monte Porreiro
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Que as luces de Nadal céguenche sen que sexa necesario voar ata Nova York ou desprazarse ata Vigo. Iso consegue, sen saír de Pontevedra, a vivenda número 24 da rúa Reino Unido de Monte Porreiro. É a casa de Margarita González Bértola e nin as restricións nin a incerteza derivadas da pandemia da covid-19 impediron que volva brillar con (moita) luz propia.
Fai xa máis dunha década que Marga puxo en marcha a súa particular tradición de iluminar o exterior da súa vivenda. Ao principio, facíao porque tiña dúas fillas pequenas e quería que se empapasen do espírito do Nadal, pero agora que as súas nenas son xa maiores de idade, segue "por hobby" e "porque me gustan as cousas bonitas, os detalles".
O resultado non deixa a ninguén indiferente. Bólas, renos, estrelas, varias imaxes de Papá Noel e luces de todas as cores e tamaños ocupan todo o exterior da súa casa unifamiliar. Leva xa tantos anos facéndoo -cre que poderían ser mesmo 18- que perdeu a conta e é incapaz de calcular cantas luces ten.
Si calcula que, ademais das luces, a decoración da súa casa incorpora uns 300 elementos decorativos e, desde logo, enumera as novidades deste ano. Porque Marga non se conforma e, cada Nadal, aumentan a iluminación con novas pezas que converten o seu almacén en toda unha fortuna e a súa casa na máis iluminada de Pontevedra.
Este ano cambiou de emprazamento unha bóla inchable de gran tamaño con Papá Noel dentro que agora se ve a primeira ollada desde a estrada, instalou carros e unha gran estrela no balcón do piso superior da casa e estreouse con renos que moven a cabeza.
No medio de tantas luces e decorado poderían pasar desapercibidos para ollos inexpertos, pero a casa de Marga ten xa fans consagrados que se deron conta desas novidades sen moita dificultade. E é que, nos últimos anos, esta vivenda de Monte Porreiro é lugar de visita obrigada cada Nadal e é rara a tarde que no exterior non se reúna unha gran cantidade de persoas para gozar das vistas.
Os visitantes chegan do barrio e tamén doutras partes de Pontevedra e, se se atopan as luces apagadas, levan unha decepción. Ocorreu esta semana. Marga saíu de casa antes da hora do aceso -adoita ser sobre as 19.00 horas cada tarde- e recibiu unha chamada dun veciño preguntándolle se lle ocorría algo. O seu marido, que si estaba na casa, saíu ao exterior e había un grupo de persoas esperando que lle pediron "por favor, que acendese as luces".
As luces da casa de Marga acéndense, como as da maioría das cidades, en pleno ponte da constitución; este ano, o 7 de decembro. As persoas que se acheguen a Monte Porreiro poderán gozalas ata despois de Reyes, pois prevé apagalas o 8 de xaneiro. Ademais, cada día permanecen acesas máis de doce horas, entre as sete da tarde e as 8.30 horas da mañá, con música incluída.
Supón un mes enteiro de decoración que fai pensar en que a súa próxima factura da luz será moi elevada. Ela asegura que non, pois o 95% son LED de baixo consumo. En todo caso, chancea xa con todas as persoas que comparan a súa casa coa famosa iluminación de Nadal de Vigo e con que seria a vivenda na que querería vivir Abel Caballero. "O gasto, se Abel Caballero quere colaborar, non hai problema", di entre risas.
A comparación con Vigo e o seu alcalde xa resulta habitual e ela sempre responde con humor. O ano pasado chanceou con que Abel Caballero picouse con ela, pois ela empezou moitos anos antes que el. Este ano, a preguntas de PontevedraViva, insistiu en aclarar que o seu traballo ten máis mérito, pois "o de Vigo é unha cousa municipal, e isto é particular".
Detrás deste espectacular resultado hai moitas horas de traballo. Este ano comezou sobre o 10 de novembro e terminou o 7 de decembro, dedicándolle todos os intres libres que lle deixaban as súas ocupacións laborais. É un traballo que, ademais, realiza practicamente soa: "o 99% fágoo eu e a 1% axuda o meu marido, os detalles máis pequenos".
Tampouco é desdeñable o investimento, pois son moitos anos comprando luces, decoración, enchufes, ladróns, cables... Pero ela asume o gastos con gusto, pois encántalle o Nadal e esta é a súa forma de celebralo. Non só se auto agasalla un hobby, tamén regala selfies do Nadal e ilusión a todos os que se achegan a Monte Porreiro.
Relacionadas:
-
Decorar de Nadal a fachada da casa pode ter premio en Vilaboa
Por Redacción |
-
As luces festivas xa iluminan Pontevedra porque hai máis motivos que nunca para celebrar o Nadal
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A casa máis iluminada de Pontevedra: "Abel Caballero picouse comigo, eu levo dez anos e el, dous"
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |