Meaño pranta cara á contaminación por radón
Por Redacción
O local de ensaio da Banda Unión Musical Meaño conta xa cun innovador sistema de ventilación que reduce os niveis de radón cumplindo as recomendacións da directiva europea. É o primeiro dos edificios públicos nos que o equipo de goberno dirixido polo alcalde Carlos Viéitez decidiu facer este investimento. O segundo será a planta baixa do edificio do Concello.
Estas son as dúas instalacións nas que as medicións realizadas aconsellaban un investimento para mellorar a calidade do aire.
Meaño é unha das primeiras administracións locais de Galicia en contar cun sistema preventivo de contaminación por radón que conta cun detector automático que activa o circuíto cando se superan os niveis recomendables deste gas radioactivo.
As medicións previas e o posterior deseño da instalación realizounas Héctor Rodríguez-Solano, técnico da empresa Radospain, que optou por un sistema de ventilación cun recuperador que permite conservar a calor.
"É un sistema de ventilación básico. Como non podemos renovar o aire abrindo fiestras, empregamos un circuíto que nos permite diluír a concentración interna do gas", explicou.
O sistema tamén ofrece un servizo útil ao Concello, xa que rexistra un historial das medicións, o que permite á administración avaliar os picos con maior incidencia deste gas.
A instalación supuxo un investimento de 18.000 euros para o Concello de Meaño.
Carlos Viéitez afirmou que "a saúde dos veciños é unha cuestión prioritaria para o Goberno de Meaño. Este investimento mantén limpo de radón un local de máis de 200 metros cadrados, con dúas salas utilizadas de xeito constante por máis de 75 membros da Banda de Música, que a partir de agora poderán desenvolver a súa actividade cultural con máis garantías sanitarias e comodidades ".
O alcalde de Meaño explica este investimento dun xeito gráfico: "O corazón do Salnés non so ten que brilar no Nadal, tamén ten que latexar san".