Máis de corenta familias benefícianse do fondo de Emerxencia Social do Concello de Meaño
Por Redacción
O Concello de Meaño, a través do departamento de Servizos Sociais, leva a cabo cada ano un programa de emerxencia social destinado a cubrir as necesidades básicas de alimentación e bens de primeira necesidade do municipio. No 2020, o número de unidades familiares beneficiarias alcanzou as 43 como consecuencia de pandemia.
O ano comezou con 22 familias adscritas ao programa, pero no mes de maio as cifras disparáronse ata alcanzar os 43 casos. En moitos casos trátanse de familias con menores ao seu cargo que se viron abocadas a unha situación de vulnerabilidade como consecuencia da crise económica derivada da pandemia.
Para atender a todos os demandantes, o Concello incrementou a partida prevista para Emerencia Social en 24.000 euros a través de dúas modificacións de crédito de 12.000 euros cada unha. O goberno local destinou a este fin parte dos 17.000 euros recibidos pola Deputación. En suma, dos 7.500 euros orzados inicialmente para Emerxencia Social, o Concello de Meaño destinou máis de 37.000 euros a este fin.
"Son tempos de solidariedade e dende o grupo de goberno de Meaño temos moi claro que as políticas sociais son as prioritarias agora”, declarou a concelleira de Servizos Sociais, María Dolores Balboa.