Piden que se fagan medicións de gas radón no semisoto da Audiencia Provincial
Por Redacción
O sindicato CIG emitiu un comunicado alertando sobre a preocupación ante a aparición de casos de cancro de pulmón entre o persoal do sector de xustiza
Segundo expón esta central sindical, é necesario realizar unha medición da presenza de gas radón nas dependencias xudiciais, en concreto, no semisoto da Audiencia Provincial.
Desde o sindicato solicitan a convocatoria urxente da Mesa de Saúde Laboral dependente da Dirección Xeral de Xustiza, coa intención de que se estableza unha programación cos gabinetes de prevención para levar a cabo esas medicións e adoptar medidas no caso de que existan perigos derivados da exposición a radiacións de ións. Segundo a directiva 2013/59/ EURATOM, o nivel máximo de radón debería de situarse nos 300 Bq/m³.
A CIG, a través do delegado Xosé Barreiro Pérez, afirma que as analíticas teñen un custo "ínfimo" de 96 euros por cada dous medidores pasivos e realízase a través do Laboratorio de Radón de Galicia. Desde a central nacionalista tamén reclaman que o control, ademais de na Audiencia Provincial, se faga nas dependencias do xulgado de primeira instancia número 14 de Vigo.