Un turismo atropela un home cando tentaba cruzar na N-640 ao seu paso polo municipio de Cuntis
Por Anxo Lourido
Un home, de ao redor de 55 anos, resultaba ferido de gravidade sobre as 15.30 horas deste luns cando foi atropelado por un turismo que circulaba pola Nacional 640 no punto quilométrico 215,700.
A vítima saía da cafetería Iowa e pretendía cruzar a estrada, nun punto onde non hai pasos de peóns. O home tentou pasar detrás dun camión que procedía da zona da Estrada sen percatarse de que inmediatamente circulaba un turismo que non puido evitar o impacto no momento en que o peón cruzaba. Segundo fontes do servizo de Emerxencias de Cuntis, o golpe provocou a fractura da perna esquerda á altura do nocello.
Ata o lugar desprazouse unha ambulancia do 112, que trasladaba ao home atropelado ao Hospital Montecelo para unha exploración dos danos sufridos. Axentes da Garda Civil de Tráfico acudían tamén á zona e realizaban o control de alcoholemia e drogas ao condutor, dando resultado negativo.
Además dos axentes da Garda Civil e dos efectivos da ambulancia, ata o lugar desprazábanse os servizos de Emerxencias do municipio de Cuntis.