Un condutor resulta ferido leve ao envorcar o vehículo en Cuntis cando tentaba esquivar un can
Por Redacción
Un mozo resultaba ferido leve ao sufrir un accidente co seu vehículo ao redor das 22.15 horas deste xoves 3 de decembro cando circulaba en dirección ao seu domicilio en Cuntis.
Segundo os datos ofrecidos polo servizo de Emerxencias de Cuntis, o mozo regresaba de traballar na Estrada e circulaba pola Nacional 640 e cando xa se dirixía á súa vivenda en Cuntis perdeu o control do vehículo porque, segundo relatou, un can cruzouse na vía e tentou esquivalo. Como consecuencia da manobra e da humidade da pista debido á choiva, o turismo envorcaba ao saírse do trazado.
O mozo apenas sufriu danos e foi o seu propio pai o que se achegou ata o lugar e decidiu trasladalo a un centro sanitario para que lle realizasen unha exploración máis detallada das feridas sufridas. Ata o lugar desprazábanse tanto integrantes do servizo de Emerxencias de Cuntis como axentes da Garda Civil de Tráfico.